O Ateneo Amado Garra presenta queixa perante a Valedora do Pobo en relación co Centro Cívico de Ponteareas

Esixe a convocatoria dunha reunión con todos os colectivos veciñais da localidade

Ponteareas | O Ateneo Amado Garra presentou unha queixa perante a Valedora do Pobo en relación co Centro Cívico de Ponteareas. A queixa, apoiada por outros sete colectivos sociais, foi interposta polo presidente do Ateneo, Roberto Mera, e nela lémbrase que o Centro Cívico é un proxecto executado no marco da Estratexia DUSI “Hábitat Saudable” que prevé destinar un edificio rehabilitado na Praza Maior á realización de actividades por parte dos colectivos e entidades veciñais da localidade.

O Ateneo explica que o actual goberno local anunciou nos medios de comunicación a súa intención de destinar o edificio a unha Residencia de Artistas, privando ás asociacións ponteareáns deste espazo. O anuncio deste cambio foi comunicado hai varias semanas polo Ateneo e sete colectivos máis ao Ministerio de Hacienda que supervisa o destino dos fondos europeos cos cales se financiou a rehabilitación do edificio.

O Ateneo Amado Garra inclúe na queixa a falta de resposta do Concello ás reiteradas solicitudes de celebración dunha reunión do goberno local cos colectivos sociais de Ponteareas para dar información sobre a situación e previsións ao redor do Centro Cívico. A queixa amplíase tamén á falta de resposta ás solicitudes de acceso a información e documentación relativas ao proxecto, que foron presentadas polo Ateneo, pois a información oficial que sigue figurando na páxina web continua contemplando o destino inicial previsto para o edificio.

O proxecto orixinal do Centro Cívico contempla unha sala de usos múltiples, de uso compartido, para o seu uso polas distintas entidades, asociacións e colectivos sociais da vila para a celebración de reunións e outras actividades que faciliten a súa actividade interna e tamén servan como espazo para o desenvolvemento da súa finalidade e actividades sociais, lúdicas e formativas.

O Centro Cívico tamén está destinado, segundo o proxecto, ao seu uso pola xuventude da vila, como lugar de ocio e espallamento, así como para a realización de actividades e obradoiros impulsados polo concello específicamente dirixidos á xuventude. Ademais prevense tamén espazos para albergar exposicións permanentes e temporais.

O Ateneo pide á Valedora que inste ao Goberno Local a convocar unha reunión con todos os colectivos veciñais da localidade para explicar as previsións relativas ao Centro Cívico e escoitar as opinións das entidades sociais, e a facilitar o acceso a toda a información e documentación relativa a este equipamento. Ademais, tamén se pretende que a Valedora inste ao Concello a retomar o destino previsto orixinalmente para o Centro Cívico para atender as necesidades imperiosas dos colectivos sociais ponteareáns de contar con espazos acaidos para o desenvolvemento da súa actividade interna e pública.