O Ateneo Amado Garra reivindica un centro sociocultural para a vila de Ponteareas na inauguración dunha Residencia de Artistas

Un cento de persoas e representantes de colectivos e forzas políticas participaron na concentración celebrada este sábado

Ponteareas | O Ateneo Amado Garra reivindicou este sábado o Centro Cívico para a vila de Ponteareas coincidindo coa inauguración dunha Residencia de Artistas no edificio adquirido e rehabilitado polo Concello para destinar a centro sociocultural.

Nunha concentración celebrada ás 12 do mediodía diante do edificio situado na Praza Maior, un cento de persoas e representantes de colectivos sociais e partidos políticos convocados polo Ateneo, reclamaron que a edificación sexa a “Casa Cultural que teñen todas as parroquias e da que carece o centro urbano”.

Con lemas como “Nin cociña nin habitacións, Centro Cultural para as asociacións”, as persoas asistentes ao acto cuestionaron a decisión do goberno municipal de dotar ao edificio de 10 habitacións, cociña e sala de estar, privando a toda a poboación, á mocidade e colectivos sociais dun espazo que foi proxectado e executado como centro sociocultural.

O Presidente do Ateneo, Roberto Mera, dirixíuse ás persoas que participaron na concentración, lembrando que o Centro Cívico se creou para atender a necesidade prioritaria e inaprazábel de contar no centro urbano cun centro sociocultural, como o que teñen outras vilas ou boa parte das parroquias ponteareáns, aclarando que a vila é unha parroquia máis, pero de 13.000 habitantes, que carece dese equipamento. Mera considerou que a decisión de ubicar no edificio a Residencia de Artistas e unha extensión da UNED ten como único obxectivo impedir que as persoas en xeral e as asociacións en particular dispoñan dun espazo onde desenvolver libremente as súas actividades. Nese sentido recordou que a Residencia ou a UNED se poden ubicar noutro lugar e que non son unha prioridade fronte á necesidade imperiosa de contar cun Centro Cívico para exposicións, cursos e obradoiros, conferencias ou reunións dos colectivos sociais, entre outras actividades dirixidas a toda a xente.

O Ateneo sinalou que esta reivindicación “acaba de comezar, a campaña informativa e a concentración desta semana son o pistoletazo de saída dunha campaña máis ampla, intensa e permanente para reclamar o dereito de Ponteareas a dispoñer dese centro sociocultural. Non imos parar até conseguilo”, sinalou o Ateneo Amado Garra, quen anunciou “novas actuacións informativas e reivindicativas e novas accións administrativas e legais perante a Valedora do Pobo, o goberno do Estado e a Unión Europea”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.