Ponteareas | Convocados polo Ateneo Amado Garra, trece colectivos sociais do centro urbano de Ponteareas déronse cita onte martes 25 no Centro Artístico Sportivo para abordar o futuro do Centro Cívico da localidade.
Asistiron, ademais do propio Ateneo, a Comunidade de Montes de Ponteareas, Ponte Solidario, as asociacións deportivas Caminhantes do Condado e Club de Natación Ponteareas, a asociación cultural solidaria Chambo Libris, a protectora Gatitude, a Asociación de Alfombristas de Ponteareas, que representa á maioría dos tramos, a asociación de alfombristas da rúa dos Ferreiros, a Asociación de Comerciantes Banastra Centro Comercial Aberto e as Plataformas SOS Sanidade Pública e O Condado por Palestina. Excusou a súa presenza, pero manifestou o seu interese no Centro Cívico, e a asociación de saúde mental Avelaiña.
No encontro, o presidente do Ateneo, Roberto Mera, explicou ás persoas asistentes o proxecto orixinal do Centro Cívico como un espazo concebido para os colectivos sociais e para segmentos da sociedade como a mocidade e a infancia, recalcando que o proxecto foi precedido dun proceso de participación social coa implicación de colectivos e cidadanía. Mera sinalou que a información oficial a día de hoxe segue sendo a mesma, pero que o goberno local anunciou nos medios de comunicación a intención de cambiar os usos para converter o Centro Cívico nun espazo de aloxamento denominado “residencia de artistas”.
O Presidente do Ateneo revelou que esa intención é real, pois o Concello tentou recentemente contratar por 120.000 euros o mobiliario para o Centro Cívico, consistente en mobles para 10 habitacións, coas súas respectivas camas e armarios, cociña completa co seu fregadeiro, frigorífico ou microondas, comedor, sala de estar con 15 sofás, butacas e sillóns. “Afortunadamente”, sinala Mera, “a licitación quedou deserta e de momento non se adquiríu mobiliario algún”.
O Presidente do Ateneo advertíu da necesidade de actuar con axilidade para evitar feitos consumados que poidan dificultar o obxectivo de que o Centro Cívico sexa o espazo sociocultural que tanto necesita Ponteareas.
Según Roberto Mera, o Concello pretende converter un Centro Cívico que estaba deseñado con espazos de oficina, sala de actos, sala de exposicións e outros espazos para realizar actividades culturais, formativas ou de ocio dirixidas a milleiros de ponteareáns, nunha especie de hostal ou fonda para non se sabe quen”.
O Ateneo adiantou na reunión que nesta semana porá en coñecemento da autoridade de xestión a intención do goberno local de modificar o proxecto orixinal e privar aos colectivos sociais do seu espazo. A autoridade de xestión é un órgano dependente do Ministerio de Facenda, que supervisa e vela polo uso correcto dos fondos europeos cos que se financiou, con case un millón de euros, a rehabilitación do edificio na Praza Maior.
A intención do Ateneo, á que se poderán sumar nestes días os colectivos que así o desexen, é que a autoridade de control tome as medidas necesarias para garantir que o Centro Cívico estea ao servizo dos colectivos sociais e das persoas de ponteareas en xeral. Ademais, o Ateneo reiterará, xunto cos colectivos que o desexen, a solicitude de reunión urxente co goberno municipal que aínda non foi atendida. Na foto de arriba pode apreciarse unha infografía que ilustra unha habitación deste centro cívico.