Ponteareas | O Ateneo Amado Garra solicitou ao Concello de Ponteareas a utilización do Centro Cívico para seis actos diferente que a asociación que preside Roberto Mera vai desenvolver nos vindeiros dous meses.
Concretamente, a solicitude está referida a un acto informativo a celebrar o vindeiro luns 21 de outubro, tres conferencias sobre Amado Garra a desenvolver os venres 15, 22 e 29 de novembro dentro do Ano Amado Garra, un acto sobre inmigración o 5 de decembro e outro sobre o testamento vital o 11 do mesmo mes.
Ademais, o Ateneo solicitou un espazo no Centro Cívico para poder celebrar as súas reunións de Xunta Directiva, composta por 15 persoas, todos os xoves de 20:00 a 21:30.
Nos seus escritos, o Ateneo lembra que o Centro Cívico, situado na Praza Maior, ten que contar cunha Sala de usos múltiples prevista no proxecto de rehabilitación que foi executado, cos elementos necesarios para desenvolver os actos programados polo Ateneo Amado Garra.
Ademais, o Presidente da asociación, Roberto Mera, tamén lembrou que o edificio se rehabilitou creando espazos específicos para que as asociacións poidan desenvolver reunións das súas directivas.
O Ateneo Amado Garra, que ven esixindo dende hai meses a apertura do Centro Cívico para ser dedicado aos usos previstos no proxecto, como Centro Sociocultural do centro urbano, advertíu que “no caso de que se nos negue o uso do Centro Cívico por falta de resposta ou por negativa, poremos os feitos en coñecemento da Unión Europea e outros organismos supervisores do financiamento concedido polas institucións europeas para rehabilitar o edificio con esa finalidade social”.
O Ateneo convocou unha concentración o sábado 26 ás 12 horas coincidindo coa inauguración no edificio do Centro Cívico dunha Residencia de Artistas promovida polo Goberno Municipal, que implica a creación de 10 habitacións e cociña imposibilitando a utilización do edificio para o fin para o que fora concebido e financiado. O edificio rehabilitouse creando espazos de exposicións, salas de usos múltiples para cursos, obradoiros, reunións, conferencias, proxeccións e espazos para o seu uso pola xuventude e polos colectivos e asociacións, así como espazos para os servizos de ludoteca municipal, conciliación familiar e atención temperá. Agora o goberno municipal anunciou a súa decisión de converter eses espazos en habitacións, unha cociña e unha sala de estar.