Demanda información sobre a presunta vinculación das empresas convidadas ao procedemento de contratación
Santiago de Compostela/BNG | O grupo municipal do BNG de Santiago detectou irregularidades no procedemento de contratación de obras de desbroces forestais ao convidar a tres empresas de confianza de forma reiterada presuntamente vinculadas entre si e, logo de pedir aclaracións ao alcalde sen que respondese por este feito que pode constituír indicio de feito puníbel, agarda que a proposta que saia mañá xoves da Xunta de Goberno explique satisfactoriamente un feito desta envergadura política.
Neste sentido, o BNG rexistrou diversas preguntas dirixidas ao alcalde, que non foron respondidas en prazo, en relación coa proposta do concelleiro delegado de Medio Rural aprobada en Xunta de Goberno segundo a que se rexeitaron as ofertas presentadas polas empresas por entender que “comprometen os principios xerais da contratación administrativa” no expediente de obras de desbroce e eliminación de vexetación para a prevención de incendios forestais.
Na Xunta de Goberno de mañá xoves 9 de agosto está incluída na orde do día “a adopción dos acordos que procedan” en relación con este expediente. En concreto, o BNG preguntaba cales son as circunstancias exactas que levan a considerar comprometidos os principios da contratación administrativa e se poden constituír indicio dalgún feito puníbel. Para o BNG, culpar as empresas convidadas por concorrer a un procedemento negociado ao que foron convidadas polo concelleiro do Medio Rural non pode servir para escorrer as responsabilidades políticas deste caso.
Tal como se sinala na documentación do expediente, as mesmas empresas participaron nun proceso de contratación anterior, promovido tamén pola Concellaría do Medio Rural. A formación nacionalista quere saber se está previsto realizar algún tipo de revisión do devandito procedemento para investigar a existencia de concertación e se está previsto volver solicitar ofertas a algunha das empresas convidadas neste procedemento.
Á vista de que en diversos lugares do municipio se realizaron traballos de desbroce e eliminación de vexetación durante o mes de xullo, o BNG preguntou tamén que entidade, pública ou privada, os acometeu e, de se tratar dunha empresa cal é a súa razón social e con cargo a que procedemento de contratación se realizaron.