O Porriño / BNG | O grupo municipal do BNG levará ao vindeiro pleno no Porriño unha moción na que convida aos grupos políticos a sumarse ás reivindicacións das mulleres galegas de cara á celebración do 8 de marzo. O texto propón que a corporación porriñesa manifeste “o seu recoñecemento e apoio a Galegas 8M e á convocatoria de manifestación nacional do día 3 de marzo e de folga de mulleres do 8 marzo de 2019, así como manifestar a desaprobación da Xunta de Galiza por ter actuado de forma incorrecta vulnerando o dereito fundamental de folga o pasado 8 de marzo de 2018 e non ter impulsado unha rectificación das súas políticas, que contribúen á permanencia da desigualdade.
O Bloque Nacionalista Galego advirte do risco de retroceso para os dereitos da muller que supón a irrupción nas institucións de forzas políticas como a ultradereita, que teñen manifestado abertamente a súa oposición ao recoñecemento da violencia de xénero ou os dereitos reprodutivos das mulleres. Ademais, despois das históricas mobilizacións desenvolvidas no noso país no ano pasado, o BNG lamenta que “a resposta por parte das institucións, desde o Estado e sobre todo desde a Xunta de Galiza, teñen sido insuficientes. Desde entón, a Xunta de Galiza non levou a cabo ningunha rectificación para compensar case unha década de políticas económicas e sociais contrarias aos intereses das maiorías sociais en xeral e das mulleres en particular.
Nada ou moi pouco se avanzou en reducir a fenda salarial, en paliar os problemas laborais das mulleres, sometidas a precariedade e discriminación profesional, ou, aínda máis grave, en erradicar a violencia que padecen as mulleres tanto por acoso, violacións e abusos como pola cantidade de feminicidios que se continúan a producir. Só no 2018 foron asasinadas en Galiza tres mulleres.
O feminismo galego non vai permitir nin un só paso atrás e desde o BNG chamamos a sumar a prol das súas iniciativas. Hoxe o movemento feminista galego desde o espazo colectivo Galegas 8M traballa no impulso dunha manifestación nacional o vindeiro 3 de marzo en Lugo e nas mobilizacións do propio 8 de marzo, data na que existe xa a convocatoria de Folga Xeral de Mulleres de 24 horas rexistrada polo sindicato maioritario de Galiza, a Confederación Intersindical Galega. A nova folga feminista do 8 de marzo debe ser unha resposta contundente.
No Porriño tamén afrontamos a necesidade de concienciar á sociedade sobre a loita feminista. O vindeiro venres, 1 de marzo, ás oito do serán convocamos un acto no Centro Cívico (Escola de Música) coa participación da deputada do BNG no parlamento galego Olalla Rodil, a avogada laboralista Patricia Mariño e Mercedes Domínguez, sindicalista da CIG.