Aldea Global | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa desde hoxe e até o xoves nunha delegación a Groenlandia do grupo Verdes-Alianza Libre Europea do Parlamento Europeo, grupo no que está integrado o Bloque, co obxectivo de escoitar de primeira man a situación do Pobo de Groenlandia, a denominada “a terra verde” “nun momento de tensión xeopolítica no que están en xogo a súa soberanía e os seus recursos naturais”.
“Desde o BNG pensamos que, igual que os galegos e as galegas, os groenlandeses teñen dereito a decidir sobre o seu futuro e os seus recursos”, subliña Ana Miranda, en referencia ao risco de espolio que vive Groenlandia na tensión xeopolítica actual e que Galiza sofre desde hai anos en cuestións relacionadas coa megaminería, os macroparques eólicos ou o afán do Goberno do PP de instalar a macrocelulosa de Altri, así como a nova ameaza da explotación de materias primas críticas.
“Como dixo o Pobo de Groenlandia nas pasadas elección do 11 de marzo, Groenlandia non se vende”, subliña a eurodeputada galega. Nesta delegación ao País Ártico participan as dúas eurodeputadas -de Galiza e Cataluña- e o eurodeputado do País Valenciá da Alianza Libre Europea (ALE), ademais de outros eurodeputados de Italia, Dinamarca, Francia, Alemaña e Países Baixos do grupo parlamentar.
Como integrante desta delegación, Ana Miranda manterá diversos encontros, entre os que destacan as reunións dos diferentes ministros do goberno de Groenlandia, con membros do Parlamento groenlandés, co Xefe de misión da UE, así como colectivos defensores do medio ambiente e representantes da sociedade civil sobre dereitos humanos e dereitos do Pobo Inuit, o Pobo orixinario de Groenlandia.
Sector pesqueiro
Ademais, tamén se reunirá con representantes do sector pesqueiro, xa que Groenlandia, igual que Galiza, é unha nación pesqueira. Así a pesca representa o 15% da economía na que a principal empresa pesqueira extractiva e de transformación é de capital público e conta cunha exportación de 516 millóns de euros no 2024.
Aínda que en 1985, Groenlandia abandonou a daquela denominada Comunidade Económica Europea (CEE), e polo tanto non forma parte oficial da Unión Europea, ten un Acordo de Asociación Estratéxico coa UE como Territorio de Ultramar. “Máis é latente, que o dereito de autodeterminación ten que ser respectado na maior illa do mundo, e “nada sobre Groenlandia sen Groenlandia” é o clamor social no respecto á súa soberanía”, explica Miranda.
Precisamente a Acta de autogoberno de 2009 recoñece ao Pobo de Groenlandia o dereito de autodeterminación baixo o amparo do Dereito Internacional e, de acordo con ese documento, o Pobo groenlandés é o único que pode decidir sobre a súa escolla futura, “e non a loita de intereses xeopolíticos que existe neste momento”, apunta a eurodeputada galega, quen defende que “os Pobos temos que ser respectados, teñen que ser respectados os nosos recursos e medios produtivos”.
“Nós, no BNG temos moi claro que todas as nacións do mundo teñen dereito á autodeterminación e por iso esta visita a un País en disputa neste momento xeopolítico é moi interesante para seguir defendendo a propia soberanía dos Pobos”, afirma.