Ourense | O BNG non comparte a decisión que o actual goberno local ven de anunciar e relativa ao peche da Oficina Municipal de información ao Consumidor (Omic) ao tempo que amosa a súa sorpresa ante tal decisión xa que a concelleira responsable da mesma, Eugenia Díaz Abella, gabábase e presumía dos bos datos e do traballo desenvolto por dita oficina.
No BNG queren que a concelleira explique porqué agora pechan unha oficina que aínda que ven é certo, durante o confinamento, veu reducido lóxicamente o número de consultas, acumulaba un incremento constante de reclamacións e consultas por parte da veciñanza.
Segundo Rhut Reza “é insoportable a teima do actual goberno por desmantelar servizos que funcionan e que ofrecen servizos moi necesarios á cidadanía, máxime en tempos nos que están a alza as estafas de sectores como o enerxético, o telefónico ou o bancario. O concello é a primeira administración á cal se dirixe a veciñanza ante calquera problema e Jácome e o PP estanos privando de cada vez máis servizos”.
Rhut Reza ten claro que o PP “é cómplice deste desmantelamento por puro interés partidario e non de cidade como sempre andan a dicir, pois permiten pechar servizos que ate non fai moito defendían fervorosamente”.