San Cristovo de Cea | O BNG denuncia que un ano máis, no pleno deste luns, o PP impuxo os seus orzamentos oscurantistas, sen que o BNG puidera asistir á Comisión de Contas, nin participar na súa elaboración polo que votou en contra.
Para o portavoz de grupo municipal, Manuel Pérez, “son uns orzamentos continuistas, á baixa, elaborados de costas á oposición e carentes dun proxecto dinamizador capaz de frear a liña decadente pola que transita o Concello”. Segundo Pérez, os orzamentos aprobados “trasladan a débeda ascendente á futura corporación, non contemplan apenas inversións reais e únicamente se orientan a apuntalar a potente estrutura caciquil do Concello, pensando nas próximas eleccións municipais”.
Os orzamentos do Concello de San Cristovo de Cea contemplan 1.094.188 €, un 54% do total dos 2.036.000 €, para gastos de persoal, con case medio cento de traballadores, o que supón un traballador municipal por cada 45 habitantes. Para o portavoz nacionalista, “tal aspecto podería resultar positivo se existise unha organización transparente, pensada para lograr maior eficiencia nos servizos e que puidera axudar a asentar poboación, pero non parece ser o caso”.
Manuel Pérez denuncia que as contas recentemente aprobadas “contemplan de novo o salario dun alto cargo para un concelleiro do PP, máis dedicado ao control da información e a organizar festas que a realizar labores que poderían ser relevantes como a posta en funcionamento dun polígono industrial paralizado, con unha forte inversión xa realizada nel e que de momento ben pouco aporta”.
O BNG critica tamén que a estas alturas do ano aínda non se realizaran as obras previstas para 2022, sen outra explicación máis alá de “agardar a que se acheguen as eleccións”.
Na mesma sesión, a moción presentada polo BNG para que o Concello facilite a restauración dos múltiples muíños existentes nas ribeiras do Barbantiño, o Silvaboa ou outros regatos, moitos deles en estado ruinoso, pero que no seu momento foron industrias de importancia e seguen constituíndo un importante patrimonio histórico-etnolóxico, tamén foi rexeitada polo equipo de goberno do PP.