San Cristobo de Cea | Inaugurado polo presidente da Xunta, con unha inversión que supera o millón de euros, o novo albergue brinda 42 prazas aos peregrinos, ás que hai que sumar as 32 que se rehabilitan tamén con este proxecto no albergue vello.
O grupo municipal do BNG en San Cristovo de Cea considera oportuna a rehabilitación efectuada no albergue vello, pero con respecto ao novo quere manifestar o seguinte. O BNG de Cea estivo atento ao proceso de construción do novo albergue e ten constancia das múltiples críticas difundidos nos medios de comunicación, redes sociais, etc., pero non se pronunciara públicamente ata agora que foi inaugurado.
Nunca quixo interferir nin ser un obstáculo para os investimentos que efectúen neste Concello outras institucións, neste caso a Xunta, a pesar de non estar de acordo co modo en que se realizan as obras. Unha cousa é loitar por inversións que o noso Concello merece e precisa, e outra comulgar cunha aberración urbanística que afecta ao patrimonio de todos, a un ben de interese cultural moi prezado.
Foi notorio o malestar que espertou desde o seu inicio a construción do novo albergue, pero sempre pensamos que polo menos as paredes de formigón acabarían por ser recubertas con pedra do pais que imitara ás do entorno no que se ubica, mitigando o impacto. Nunca pensamos que o remate fose “un pegote de cemento dentro do Escorial Galego”.
As pedras labradas á man durante séculos, obedecendo a diferentes estilos arquitectónicos, foron configurando un dos entornos máis valiosos do patrimonio universal, que agora se rodea desta incomprensible construción de formigón, rompendoa harmonía lograda ao longo do tempo.
Non é esta a primeira vez que o Concello de Cea destaca pola súa falta de respecto ao patrimonio. Todos lembramos aquela nova que se difundira ata en medios de comunicación estranxeiros referida a un merendeiro construído sobre dunha mámoa. Tampouco é novidoso o abandono das pontes sobre do Barbantiño na ruta xacobea ou a situación da ponte no Marañao, nin o respecto que merecen os cabaceiros.
Se calquera particular quixera facer unha reforma no entorno de Oseira ben seguro que ía ter moitos problemas. As propias institucións que operan así ben pouco nos ensinan. ¿Qué pensaran os visitantes cando visualicen a 10 metros do Mosteiro un pegote de formigón?. Dispoñendo o espazo monacal de 42.000 metros cadrados, a maioría dos cales se atopan infrautilizados e coas lóxicas necesidades de mantemento, entendemos que, en colaboración coa comunidade monacal, neles se podería ter buscado acubillo para a ampliación do albergue de peregrinos.
Por outra banda, a cesión temporal que efectúa a orde cirterciense á Consellería de Turismo, inicialmente por un período algo superior aos 20 anos, tampouco é garante para que se poida considerar como patrimonio público, senón todo o contrario, posto que se houbera resolución anticipada do contrato ou este non fora renovado a propiedade e o investimento na edificación seguiría sendo da orde relixiosa.
Dende o BNG de San Cristobo de Cea recabouse a colaboración dos representantes do BNG na Deputación de Ourense e o Parlamento Galego, en ambas institucións se realizaron preguntas e solicitaron informes ó respecto da documentación que autoriza a nova edificación, sen poñer en dúbida o seu fin, pero sí como se acometeu, sen que ata o de agora a Administración que financiou e autorizou a obra fora quen de aportar o proxecto de execución e a autorización de patrimonio para levalo adiante.
Vista a gravidade dos feitos anteriormente relatados trasladamos esta información á opinión pública para que podan visualizar por sí mesmos este atentado contra o noso patrimonio, e colaborar na exixencia de responsabilidades e solucións para paliar este despropósito.