Viana do Bolo | O grupo municipal do BNG de Viana do Bolo presentará unha moción en sesión plenaria sobre a doazón da biblioteca de Nemesio Barxa e pedindo ademais que se lle poña o nome deste vianés á biblioteca municipal.
O edil nacionalistas Secundino Fernández sinala que “Nemesio Barxa naceu en Caldesiños o 16 de febreiro do 1935 é fillo de mestres que nesa época estaban destinado en Viana do Bolo, viviu uns seis anos en Caldesiños até que os seus pais conseguiron praza en Ourense”.
Así mesmo sinala que é “licenciado en dereito pola Universidade de Salamanca e como graduado social na Universidade de Santiago de Compostela. Membro fundador do Consello da Avogacía Galega, tamén pertence á Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación. Foi co fundador da Agrupación Cultural Auriense (1968). É Presidente da Irmandade de Viños Galegos. Foi escollido como candidato ao Tribunal Constitucional polo Parlamento Galego en 2008.” Así mesmo, o concelleiro do BNG, Secundino Fernández amosa no texto a súa sorpresa porque “Nemesio Barxa pretendía entregar 2.500 libros e non tivo resposta” do Concello.
Nese senso, presenta esta iniciativa na que se pide á Corporación municipal tomar os seguinte acordos “aceptar de novo a doazón da Biblioteca de Nemesio Barxa, segundo os acordos establecidos no pleno do 16 de novembro do 2017, establecer contacto urxente con él e pór o nome de Nemesio Barxa a biblioteca de Viana do Bolo como homenaxe e acto de agradecemento a este insigne vianés, exemplo de amor a súa terra de nacemento”. Nemesio Barxa no centro da foto.