Trátase dun espazo xacobeo emblemático moi transitado, situado á entrada da cidade de Compostela, que o Goberno municipal do PP ten abandonado
Santiago de Compostela/BNG | O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, demanda que se acondicione a fonte dos Pelamios e a zona recreativa da Lavacolla, un espazo emblemático moi transitado situado á entrada da cidade de Santiago de Compostela.
O grupo municipal do BNG de Santiago, diante das queixas recibidas pola veciñanza de Lavacolla sobre a situación de abandono da fonte do Pelamios, de uso tradicional por peregrinos e peregrinas que realizan o Camiño de Santiago, rexistrou un rogo para que o Goberno municipal acondicione este lugar. O portavoz municipal nacionalista sinalou que esta fonte mesmo aparece mencionada no Códice Calixtino polo que algunhas persoas preguntan por este lugar de tradición xacobea.
Rubén Cela alerta, ademais, da proliferación de maleza que anula o uso da área recreativa próxima e considera que é necesaria a urxente limpeza e acondicionamento deste espazo senlleiro de acceso á cidade para as persoas que fan o Camiño de Santiago e para os veciños e veciñas do lugar.
demandou en rolda de prensa un programa integral de mantemento e de seguridade viaria na N-550 acorde ao incremento de tráfico que rexistra derivado do descenso das persoas usuarias da AP-9 por mor da crise. O BNG trasladará esta petición ao Pleno da Corporación para instar ao Ministerio de Fomento, de igual xeito que realizou o portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera.
Segundo explicou Rubén Cela, a AP-9 está a perder persoas usuarias pola suba das peaxes e os recortes salariais, entre outras causas. De feito, a recadación por peaxes nesta autoestrada descendeu o ano pasado en 8,9 millóns de euros aínda que mantivo uns ingresos de 145 millóns de euros. Diariamente, os galegos e as galegas pagan 400.000 euros por peaxes nesta autoestrada.
“Hai tres factores que indican o descenso de usuarios e usuarias: unha parte apunta á mellora do tráfico ferroviario, outra vese condicionada pola situación de crise pola diminución da renda familiar dispoñíbel e, polo tanto, entre unha opción de peaxe e outra libre de pago optan por transitar pola estrada e unha terceira polo incremento das peaxes moi por riba da suba do IPC e que nos últimos 10 anos mesmo superou o 30%”, sinalou o portavoz do grupo municipal.
“A concesionaria da autoestrada recoñece que o tráfico descendeu nun 6,5% no último ano aínda que neutraliza estas perdas co aumento do prezo da peaxe nun 3,29% en 2012”, explicou, “como é fácil deducir, a grave situación económica que padece a cidadanía non lle permite realizar eses desembolsos tan importantes para as economías domésticas”.
Coa crise económica, moitas persoas de Santiago de Compostela deixaron de circular pola AP-9 para sortear o pago das peaxes, tanto en dirección á Coruña como en dirección a Pontevedra, o que lles obriga a conducir pola N-550. “Este feito provocou un significativo aumento do volume de tráfico por esta estrada que se atopa nun estado de conservación moi precario, presenta deficiencias no seu firme, ademais de múltiples carencias en detrimento da seguridade viaria”, dixo. A modo de exemplo, recentemente suprimíronse tramos de adiantamento, segundo as liñas continuas pintadas, pero aínda se mantén a sinalización vertical que indica o inicio e a fin de cada tramo de adiantamento.
Para o BNG, o Ministerio de Fomento debería ter presente que a N-550 está a ser utilizada diariamente por moitos traballadores e traballadoras que desempeñan a súa actividade na Coruña, en Santiago de Compostela ou en Pontevedra e viven nunha ou noutra cidade. Hai que ter en conta que a peaxe custa na actualidade 5,50 euros por traxecto en dirección á Coruña; 1,95 no tramo que vai até Padrón; 4,70 euros até Pontevedra e 7,85 até Vigo, e que experimentou unha suba superior ao incremento do IPC nos últimos anos.
Circular pola autoestrada AP-9 en Galiza non só resulta prohibitivo, sinalou Rubén Cela, senón que ademais está excluída do programa de bonificación social que as concesionarias realizan a persoas xubiladas, desempregadas, con discapacidade ou a aquelas que a utilizan un número determinado de número de veces ao mes noutras autoestradas estatais. Audasa non aplica en Galiza ningún desconto agás o derivado de incentivar o uso de telepeaxe en traxectos de ida e volta na mesma xornada.