O Carballiño | Manuel Chan foi elixido como responsábel local do BNG na bisbarra do Carballiño. Entre os obxectivos da nova dirección destacan “fornecer a organización na comarca e aumentar e consolidar a militancia na busca dunha organización política forte, que ilusione os veciños, a fin de lograr maior presenza institucional nos concellos”.
A presentación da nova dirección tivo lugar na nova sede da organización, ubicada nas Galerías Magariños. Sarín Núñez, responsable comarcal e Lucía López, secretaria nacional da organización, estiveron na presentación apoiando ao novo consello local. Lucía López destacou que o BNG está “no seu mellor momento político como única alternativa ao goberno en Galiza”. “Neste consello local quixemos compaxinar a experiencia coa renovación e poñer en valor á militancia” afirma Manuel Chan. Entre os nomes que conforman esta nova organización están: Áurea Francisco, ex concelleira no Carballiño; Eladino Cabanelas, ex edil en Punxín; Elvira Fernández, concelleira en San Cristovo de Cea; Luis Pérez, ex responsable comarcal na comarca do Ribeiro e ex concelleiro en Leiro; Xulia Fernández, Andrés Fernández; Manuel Caíña e Manuel Freixedo, como representante de Galiza Nova.