Ourense | Neste 17 de maio, Día das Letras Galegas, o BNG reivindica o papel que xoga e que ten que xogar a cultura no vindeiro mandato municipal. Para o candidato Luís Seara “a cultura é democratizadora na medida en que iguala ás persoas, é xeradora de dinamismo social e contribúe a xerar colectivo máis tamén temos que vela como un elemento xerador de riqueza e emprego”.
O obxectivo dos nacionalistas pasa, segundo Seara, “por recuperar todo o perdido ao longo do presente mandato. Unha vez asumamos as responsabilidades de goberno recuperaremos todo o ciclo festivo perdido neste catro anos, estamos a falar da MOTI, o FITO, Corpo á Terra, Pórtico do Paraíso, Outono fotográfico, e moitos máis eventos que fixeron que Ourense fose referencia durante moitos anos”.
Luís Seara fai estas declaracións ás portas do museo municipal, pechado polo actual rexedor para deixar claro que “non soamente o reabriremos para que tanto a veciñanza como os que veñen de fóra desfruten da enorme riqueza que atesoura senón que ampliaremos as súas instalacións coa adquisición da casa das Cadeas para convertelo de novo en referente e poder ampliar o seu catálogo de actividades”.
Outro dos anuncios do candidato á Alcaldía polo BNG ten que ver coa recuperación da Universidade Popular (UPO). Neste senso, Seara reitera o que ao longo deste mandato teñen manifestado en numerosas ocasións, “non soamente recuperaremos a UPO senón que duplicaremos o seu orzamento até os 350.000 euros e dotarémola dunha sede fixa na zona histórica.
A UPO ten que xogar un papel fundamental no acollemento e integración das persoas que deciden asentarse Ourense para iniciar ou continuar o seu proxecto de vida”.
Tal é a importancia que o BNG lle atribúe á cultura e a lingua que xa adiantan que “unha vez tomemos posesión dos nosos cargos e comecemos co deseño do novo goberno, a Cultura non soamente recuperará o seu nome senón que a elevaremos ao rango de Vicealcaldía xa que queremos darlle o valor e a importancia que sen dúbida ten que ter”.