A Guarda/BNG | O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, presentou diante dun nutrido auditorio na Casa dos Alonso, a súa proposta de Concerto Económico para Galiza.
O acto estivo presentado por Ángel Baz, portavoz municipal do BNG na Guarda, e contou coa intervención de Montse Prado Cores, deputada do BNG no Parlamento galego.
Durante a intervención púxose de manifesto que Galiza é un país rico con recursos, que aporta máis ao Estado español do que recibe.
Montse Prado expuxo as “contas tramposas” que fai o Estado español, onde se queda co 100% do imposto de sociedades, ou o 50% do IRPF e IVE, …. entre outros.
“Se Galiza tivese un concerto económico propio co Estado, teriamos moitos máis recursos económicos para poder investir en educación, sanidade, I+D, Cultura, …”, sinalou Montse Prado durante a reunión.
“Cun financiamento máis favorábel para Galiza debe repercutir nos concellos, tal e como se está a facer na Deputación dende que o BNG chegou”, comentou Ángel Baz.
O acto rematou cun enriquecedor debate onde se puxeron de manifesto a necesidade dunha nova relación entre Galiza e o Estado español que se sexa máis beneficiosa para os galegos e galegas.