Bruxelas/BNG | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, reclama que o goberno cumpra os requirimentos do proceso de infracción aberto pola Comisión Europea sobre a falta de medidas para protexer os espazos integrados na Rede Natura.
En resposta a unha pregunta enviada á Comisión sobre o incumprimento da normativa europea e o ataque á Rede Natura que supón a instalación dun parque eólico no Monte das Salgueiras, -que afecta aos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica- o Executivo Comunitario confirma que ten aberto un procedemento de infracción contra o Estado español “por non establecer obxectivos de conservación suficientemente detallados para ditos lugares e medidas de conservación cuantificadas para as súas zonas especiais de conservación”.
“O Executivo Comunitario ten aberto un procedemento de infracción contra o Estado español (…) polo ataque á Rede Natura que supón a instalación dun parque eólico no Monte das Salgueiras, que afecta aos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica”
“Dende o Bloque levamos anos denunciando os incumprimentos sistemáticos dos gobernos galego e estatal dun dos criterios fundamentais para Bruxelas, como é a protección dos espazos da Rede Natura, e xa no mes de xullo a Comisión pediu ao Estado español que tome medidas para protexer e xestionar a súa Rede Natura 2000”, salienta Miranda, quen lembra que a pregunta sobre o parque eólico en Ponteceso foi formulada tras a visita que realizou á zona e unha reunión celebrada con colectivos afectados, na que tamén participaron os deputados do BNG no Parlamento Galego, Luís Bará e Daniel Pérez; a responsable local do BNG en Ponteceso, Lucía Veciño, e outros integrantes do BNG comarcal.
Na súa resposta, a Comisión ademais de indicar que non ten información concreta sobre o parque eólico de Ponteceso, destaca que “de acordo coa Directiva sobre os hábitats, calquera plan ou proxecto que poida afectar de forma apreciable a un lugar Natura 2000, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans ou proxectos, ha de someterse a unha axeitada avaliación das súas repercusións no lugar, tendo en conta os obxectivos de conservación do lugar”. No documento tamén se advirte de que o “plan ou proxecto só deberá autorizarse se a avaliación conclúe que non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión”.
Destrución do espazo
“Na visita que fixemos á zona puidemos comprobar como o inicio de instalación do parque eólico prexudica gravemente un lugar catalogado como Espazo Natural Protexido e susceptible de ser incluído na ampliación da Rede Natura, coa apertura de grandes pistas e a destrución do hábitat”, explica Ana Miranda.
Neste sentido critica que Galiza conta cunha das menores porcentaxes da Rede Natura no Estado español (27%), pero tamén de toda a Unión Europea, cun 11,74% de superficie protexida. “O goberno galego non só amplía os espazos protexidos, senón que destrúe os espazos que poderían formar parte da Rede Natura”, denuncia.
“(…) Galiza conta cunha das menores porcentaxes da Rede Natura no Estado español (27%), pero tamén de toda a Unión Europea, cun 11,74% de superficie protexida”
“Fronte a este desleito agardamos que a apertura do procedemento de infracción serva para que aumente a protección medioambiental, que ademais repercute na calidade de vida da veciñanza”, sinala a portavoz do BNG en Europa, quen lembra que a Comisión xa enviou ao Estado Membro unha una carta de emprazamento complementaria co obxectivo de que tome as medidas de conservación necesarias.
Neste sentido a Comisión sinala que o Estado español aínda non designou como Zona Especial de Conservación 345 lugares, máis da cuarta parte dos 1. 278 Lugares de Interese Comunitario (LICs).
Con esta resposta da Comisión, o BNG comprométese a enviar a Bruxelas unha relativa ao Parque das Salgueiras, así como sobre a falla de acceso á información por parte do Goberno galego a respecto da a segmentación dos parques eólicos que está levando a cabo.
“A produción de enerxía é moi importante para Galiza, pero non se pode facer a calquera prezo, sobre todo cando aquí pagamos uns prezos desorbitados, pese a ser un país tamén exportador”, conclúe Ana Miranda, quen defende que o BNG sempre estará a favor dunha enerxía limpa e renovábel que sexa respectuosa co medio, coa paisaxe e coas persoas.