Unha empresa privada pretende abrir unha canteira que rexeitan os veciños da parroquia
Pola zona pasa o río Barragán, que a Universidade de Santiago considera necesario protexer; o futuro de ducias de gravados rupestres prehistóricos e un foxo do lobo medieval comprometido.
A canteira de Borraxeiros, situada a un quilómetro da canteira proxectada, vén de pechar por falla de demanda.
O deputado Henrique Viéitez, en compaña dos cinco concelleiros do BNG de Mondariz, vén de visitar a parroquia de Gargamala. Viéitez entrevistouse cunha representación de veciños e veciñas da parroquia, que lle trasladaron o rexeitamento unánime da freguesía (plasmado en varios acordos asemblearios da Comunidade de Montes) á expropiación dunha parte do monte comunal de Gargamala para abrir unha canteira a ceo aberto de máis de 5 Ha de extensión.
O deputado e os edís nacionalistas aproveitaron a visita para coñecer a Canteira de Borraxeiros (Traspielas), no concello de Fornelos de Montes, unha explotación mineira situada 1 km ao Norte da canteira que se pretende poñer en explotación en Gargamala. Esta canteira vén de pechar a súa actividade a causa da caída da demanda do sector da construción, o que, a xuízo dos nacionalistas, fai máis incomprensíbel aínda a apertura doutra explotación mineira no concello veciño de Mondariz.
Foxo do lobo
A escasos 40 m da canteira que se pretende poñer en explotación, previa expropiación do monte comunal da parroquia, localízase ademais un extraordinario foxo do lobo, unha mostra cinexética de época medieval que se vería seriamente afectado pola explotación mineira. Precisamente no ano 2008 a Consellería de Cultura xa emitiu un informe desfavorable a esta iniciativa. Este informe rexeitaba o Estudo de Impacto presentado pola empresa, afirmando que “o ámbito da explotación da canteira esténdese pola zona de influencia do foxo do lobo. Pódese dicir, sen dúbida, que os traballos de extracción nesta zona danarán o seu patrimonio etnográfico e cultural, empobrecendo e alterando morfoloxicamente, de xeito negativo, o contorno paisaxístico no que se asenta, (…) polo que cómpre informar desfavorablemente a concesión de explotación Gateira nº 2941 (…).
O prazo para presentar alegacións ao expediente de expropiación do monte comunal rematou a finais do pasado mes de decembro de 2011.
Por todo isto presentaremos ante o Parlamento de Galiza unha serie de iniciativas dirixidas ao goberno da Xunta de Galiza que perseguen os seguintes fins:
1.- A paralización do expediente de expropiación en base á prevalencia dos dereitos económicos dos comuneiros sobre os dereitos mineiros dunha empresa privada. Esta visión considera que o monte veciñal e man común favorece o desenvolvemento socioeconómico sostible de parroquias rurais como Gargamala, un valor que se vería seriamente comprometido pola explotación mineira pretendida.
2.- O informe sectorial negativo á esta canteira emitido pola Consellería de Cultura da Xunta de Galiza emitido en 2008 en favor da conservación dos valores culturais do contorno, en particular do foxo do lobo e do contorno paisaxístico no que se asenta.
3.- A necesaria protección dos humidais de montaña situados á beira da localización do proxecto, así como do río Barragán, afluente do Oitavén-Verdugo, e as súas ribeiras, que figuraba na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 que elaborou o IBADER da Universidade de Compostela, a petición da Xunta de Galiza, no ano 2008. Neste sentido cómpre recordar que 8 dos 16 vértices que definen a área de explotación da canteira localízanse no borde de afección deste río.
Asdo: Xoán C. Montes Bugarín, Portavoz Municipal do BNG