Cea | A cabeza de lista do BNG por Ourense e o número 2, Noa Presas e Iago Tabarés, avanzan as medidas contempladas no programa de goberno da organización para apostar o fomento da IXP, a recuperación das variedades autóctonas de cereal e o impulso das producións de calidade e da transformación das materias primas agrarias.
Entre as medidas recollidas destaca tamén o apoio da Administración galega na compra pública de pan galego para comedores con financiamento público, como escolas ou hospitais, e favorecer o relevo xeracional coa incorporación de novos produtores.
Durante a visita a un forno en activo en San Cristovo de Cea a organización nacionalista amosou o seu compromiso coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP). “Cea é todo un símbolo para Ourense e tamén un símbolo de todo o que queda por facer e que, desde o BNG, poremos en marcha o 18-F no goberno da Xunta de Galiza” afirma a cabeza de lista do BNG.
“Faremos un plan de promoción para a IXP do Pan de Cea para dala a coñecer- a través de programas de comunicacións e difusión dos selos de calidade, entre outras actuacións-, mellorar as infraestruturas e impulsando un programa para o relevo xeracional” sinala Presas.
Con 19 fornos que constitúe a principal industria agroalimentaria deste concello, a cabeza de lista sinala a necesidade de que conten con maior apoio por parte do goberno galego. Alén da mellora das infraestruturas e a potenciación da IXP, o BNG impulsará unha mellora na rede de comercialización do produto xa que é clave o apoio a pequenos e medianos proxectos familiares “como este forno que hoxe visitamos”.
Compra de produto galego para comedores con financiamento público
“Apostamos pola compra pública de produto galego nos comedores que teñen financiamento público -por exemplo, de escolas ou hospitais- constituíndo un programa ambicioso que incorporaría todo tipo de produtos” apunta Noa Presas.
O apoio á transformación alimentaria como alternativa sostible e para fixar poboación no rural é estratéxico. O goberno galego do BNG levará a cabo un programa de compra pública deste tipo de produtos locais, para xeneralizar o seu consumo na restauración pública, é dicir, en comedores de centros asistenciais, residencias, hospitais, etc.
Plan de Fomento da produción de cereais de calidade
Falando en Cea, a cabeza de lista aproveitou a ocasión para falar “da recuperación das variedades autóctonas de cereal, a través dun Plan de Fomento da produción de cereais de calidade en Galicia. No marco deste plan, o BNG apostará porque isto “nos referencie ademais de que axude a recuperar superficie agraria en produción”.
Entre outras medidas que recolle o Plan destaca o reforzamento da política de apoio á cooperación entre produtores de cereal e industria, para o desenvolvemento da produción. Impulso das medidas de vertebración intrasectorial, nomeadamente a través do impulso da contratación homologada.
Ademais, a extensión do programa de implantación dos pastos de montaña, coa inclusión do fomento da recuperación de variedades autóctonas de centeo do país xunto coas IXPs de Pan de Cea e Pan Galego (Caaveiro e Callobre), como ferramenta de recuperación da superficie cerealeira galega e da nosa soberanía alimentaria. Na foto os nacionalistas no forno de María Jesusa.