Aldea Global | Na sesión deste 20 de marzo, o deputado do BNG Néstor Rego, como portavoz do Grupo Parlamentario Mixto, presentou ante o Congreso dos Deputados unha moción, finalmente aprobada por maioría, na que se rexeitan os ataques de Donald Trump contra a soberanía de Panamá e de Groenlandia (Dinamarca) e condenar a súa proposta de control da Faixa de Gaza cunha “limpeza étnica da poboación palestina”.
Indicou Rego que “estamos a falar dun auténtico crime de lesa humanidade que non pode ter complicidade nin silencio por parte da Comunidade Internacional”.
Igualmente, Rego presentou unha moción na que instaba ao Estado español a saír da OTAN e á “disolución da Alianza Atlántica”, rexeitando ao mesmo tempo o aumento do gasto militar de 800.000M€ proposto pola Comisión Europea apostando pola “vía do diálogo e da negociación para a paz”.
Se ben esta proposta do BNG non foi aprobada polo Congreso, particularmente polos votos en contra do PSOE e do PP, si que contou co apoio de Sumar, un feito que manifestou as discrepancias que sobre este tema está confrontando a coalición de goberno de Pedro Sánchez.