Ourense | A Xunta de Goberno local do Concello de Ourense aprobada, entre outros, o expediente para contratar mediante procedemento aberto, as obras de execución do proxecto de rehabilitación integral do Xardín do Posío e a proxección do local destinado a hostalería.
Posteriormente tanto a través dunha nota de prensa oficial como a través das súas redes, o alcalde parabenizábase por este feito e anunciaba que a licitación levaríase a cabo en xaneiro e que a obras mesmo poderían comezar en abril.
Dito anuncio chama poderosamente a atención do grupo municipal do BNG, interesado desde hai tempo pola situación na que se atopa actualmente este espazo emblemático da cidade e polo que ten preguntado reiteradamente na xunta de área correspondente sen recibir ningunha resposta até o momento.
Para o portavoz municipal dos nacionalistas Luís Seara, o anuncio do alcalde, “ten unha alta dose de propaganda” e novamente, ao igual que ten acontecido con outros proxectos, “é un simple anuncio carente de base para ser certo”.
Desde o BNG advirten que o que se fixo até o de agora co proxecto de reforma integral do Xardín do Posío foi o que se denomina “tramitación anticipada, ou o que é o mesmo, avanzar administrativamente no procedemento de licitación para, no momento de ter o crédito suficiente, poder proceder execución á mesma”.
E resulta que ahí é onde radica o verdadeiramente importante da cuestión segundo Luís Seara xa que, “actualmente o proxecto de reforma non conta con crédito para a súa execución e como puidemos ver ao longo de todo o ano 2023, a reforma do Xardín do Posío tampouco foi unha prioridade para este goberno xa que non foi incluída en ningunha das moitas modificacións de crédito levadas a Pleno”.
Segundo o BNG, este feito provocará que “haxa que agardar a que se produza a liquidación do orzamento do exercicio 2023, que se incorporen os remanentes de tesourería e a partir de ahí poder habilitar o crédito necesario e que ten que contar co apoio da oposición, polo que o anuncio do alcalde de licitar en xaneiro e comezar as obras en abril non se corresponde coa realidade”.
Desde o BNG adiantan que esixirán ao goberno local “que se tome en serio a reforma integral do Xardín do Posío e que sexa unha prioridade na acción de goberno dos vindeiros meses pois nace da reivindicación veciñal mobilizada hai anos mesmo a través dunha plataforma”.