Vigo | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, levará á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, da que é titular, a reclamación da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo para que revise e reabra o informe sobre o saneamento das rías. “Pese a que en Vigo temos unha depuradora nova, mantéñense algúns problemas de saneamento porque os aliviadeIros son os mesmos que existían antes”, sinala Miranda na xuntanza coa Plataforma ao carón dun dos sumidoiros que existen na Ría.
Para a deputada nacionalista, a condena ao Estado Español a pagar unha multa de 12 millóns de euros pola tardanza en cumprir a normativa europea sobre tratamento de augas residuais, recentemente publicada polo Tribuna de Xustiza Europeo, pon de manifesto que o Bloque “non se equivocou na súa denuncia” cando en 2013 presentou no Parlamento Europeo a reclamación polo incumprimento de saneamento.
Durante a xuntanza que a eurodeputada do Bloque e o responsable comarcal do BNG, Ana Miranda e Manuel Caride respectitvamente, mantiveron coa Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, os nacionalistas expresaron a súa vontade de volver tratar este problema no Parlamento Europeo e denunciar a continuidade dos vertidos na Ría. “A depuradora está preparada para unha cidade de 800.000 habitantes, pero isto de pouco vale se os aliviadeiros son os mesmos que antes. Estas zonas seguen contaminadas, sobre todo se chove”, apuntaron dende a Plataforma.
Tratamento integral
“É imprescindible que o tratamento de augas residuais sexa integral en toda a Ría, non só polas multas que impón Europa, senón polo agravamento dos problemas medioambientais”, subliña Ana Miranda, quen destaca que “non se trata de botar culpas contra ninguén senón de traballar por que o saneamento sexa integral, incluíndo a separación das augas pluviais”.
Neste sentido criticou que siga habendo vertidos, tal e como hoxe se puido comprobar nun dos peiraos ubicados entre Beiramar e Bouzas. “O saneamento da Ría de Vigo non está completo e nós queremos que haxa un saneamento integral, así como poñer en valor que houbo uns fondos europeos”, defendeu a eurodeputada,
Por outro lado o BNG quere lembrar o potencial da Ría para a economía viguesa desde o punto de vista dos sectores pesqueiro e marisqueiro. “A nosa Ría é a principal industria da cidade, polo que temos que protexela en todos os sentidos”. Finalmente, Miranda agradeceu á Plataforma o seu traballo continuado en defensa da Ría.