Bruxelas/BNG | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defende que a Unión Europea debe mobilizar fondos de forma urxente para paliar as consecuencias económicas da pandemia do Covid-19. “É imprescindible emendar o Fondo de Solidariedade para dar asistencia financeira aos Estados membros afectados pola emerxencia de saúde pública”, subliña ao tempo que reclama coordinación e celeridade á Unión Europea “porque non hai tempo que perder”.
Para a portavoz do Bloque en Europa as axudas económicas presentadas pola Comisión Europea, das que ao Estado español lle corresponden 4.145 millóns dos 37.000 millóns propostos “son claramente insuficientes para facer fronte a unha crise sen precedentes e conter as consecuencias da expansión do coronavirus”. Ao respecto considera que a Unión Europea debe incluír a posibilidade de gasto cara paliar a situación de emerxencia de saúde pública provocada pola pandemia, contemplando a asistencia á poboación afectada e a posta en marcha de medidas de protección contra o risco de contaxio.
“Precísanse medidas de emerxencia coordinadas a nivel europeo”, salienta a portavoz do BNG en Europa, para quen resulta urxente a mobilización de forma flexible os Fondos de Cohesión. “Os fondos europeos deben servir neste momento para axudar a mercar material sanitario de probas e prevención, axudas a autónomos e traballadores e traballadoras afectadas, así como a familias sen recursos”, explica.
Impulso ao salario mínimo
Por outro lado, Miranda insta á Comisión Europea a reactivar os traballos xa iniciados para poñer en marcha o salario mínimo europeo, xa anunciados hai dous meses. Para a nacionalista trátase dunha medida fundamental contra a desigualdade social e a precariedade laboral que xa debería estar implantada. “Se xa contásemos cun SME a crise causada polo coronavirus tería unhas consecuencias menores na clase traballadora”, destaca.
Neste sentido a portavoz do BNG en Europa critica a falta de eficacia da Comisión Europea á hora de protexer os dereitos dos traballadores e traballadoras, que precisamente na situación actual seguen sendo as persoas máis vulnerables desde o punto de vista laboral. Lembra ademais que a CE pretendía fixar unha remuneración mínima equivalente ao 60% del salario medio de cada país, de forma que se garantisen as peculiaridades estatais.
Medidas de choque
Esta propostas completan as medidas de ámbito nacional e estatal xa presentadas polo BNG no obxectivo de mitigar os efectos económicos e laborais da crise do coronavirus, e que xa afecta ao tecido produtivo e laboral. Diante desta situación excepcional, o Bloque considera que Galiza precisa de medidas de choque de tipo económico e social que sexan inmediatas, claras e inequívocas que garantan que a crise do coronavirus non a paguen as mesmas persoas que pagaron a anterior crise económica.
Entre esas medidas destacan as referidas á compensación para as persoas que sufran ERTES, persoas autónomas con incapacidade para prestar con normalidade a súa actividade económica, como a condonación de 3 meses de hipoteca ou compensación de alugueiro, a condonación de servizos básicos (auga/luz/gas, taxa do lixo) durante un período de 3 meses, ou eliminación da cota de autónomos durante os vindeiros 3 meses. Ademais, as propostas presentadas polo BNG tamén inclúen garantir a seguridade no traballo mediante a aplicación estrica nas empresas dos protocolos de prevención e contención e o control efectivo da limitación das actividades que non sexan esenciais.