Bruxelas/BNG | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, fixo unha valoración do papel de Feijóo na conferencia de presidentes celebrada onte na Rioja, onde ao seu xuízo “non exerceu de presidente, ao presentarse sen ningún tipo de proposta sobre que cantidade debe recibir Galiza dos fondos europeos de reconstrución aprobados en Bruxelas e que proxectos poden ser financiables con cargo a estes fondos”.
“A máxima aportación que fixo onte o presidente de Galiza en funcións foi a baixada do IVE das máscaras, que pode estar ben pero dista moito de ser o axeitado”, ironizou Miranda, quen considerou que o reparto de dos 140.000 millóns de euros é “un tema suficientemente importante como para que Feijóo levase algunha proposta preparada para facer valer os intereses galegos, en lugar de despachalo con tres minutos na súa comparecencia posterior ao encontro”.
Neste sentido, a portavoz do Bloque en Europa lamentou que Feijóo fora de viaxe “sen ter os deberes feitos”, en tanto que outros territorios do Estado español xa teñen calculada a cifra que poden recibir, como Cataluña ou Valencia, e outros como Navarra xa anunciaron a posta en marcha de plans de reactivación, como Reactiva Navarra. “Fronte a eses territorios que xa teñen definidas cales son as prioridades nas que queren investir os recursos que chegan de Europa, temos a un Feijóo que vai á reunión para sentarse a escoitar e pedir que lle envíen documentación”, critica Ana Miranda.
“E por suposto que os fondos da UE deben ser ben empregados, pero que iso o diga Feijóo como fixo onte non deixa de ser sarcástico, xa que en Galiza temos numerosos exemplos de fondos europeos mal utilizados baixo o seu mandato, como as numerosas depuradoras que non funcionan, a deficiente ou mesmo inexistente saneamento das rías e ríos ou infraestruturas abandonadas que foron pagadas con fondos de cohesión”, comentou.
Recortes
O BNG xa se ten mostrado moi crítico coa reacción tardía da Unión Europea para paliar as consecuencias da crise causada pola pandemia e a esta tardanza, sinala a portavoz en Europa, e a esta tardanza e falla de solidariedade cos pobos afectados súmase “a falta de iniciativa do presidente da Xunta”. “Sabemos que diminúen partidas fundamentais para Galiza, como a PAC, os fondos de cohesión, o fondos para a transición xusta e o programa Horizon, polo que o presidente en funcións debería anticiparse e traballar para que Galiza non saia prexudicada con eses recortes”, sinalou. “Iso pasa por falar co Bloque como principal forza da oposición”, engadiu.