O Goberno local contratou os labores de prevención en plena tempada de perigo alto de incendio, a pesar de que Santiago está declarada como Zona de Alto Risco
Santiago de Compostela/ BNG| O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, advertiu de que o incendio forestal rexistrado no Camiño dos Vilares, entre Vite e Salgueiriños, dá mostra “do perigo potencial de moitas zonas forestais descoidadas próximas ás vivendas e da falta de control do cumprimento da normativa vixente en materia de prevención de lumes”.
Para Rubén Cela, a pesar de que este lume non representou especial gravidade grazas á rápida actuación dos efectivos profesionais de extinción e da propia veciñanza que viu ameazadas as súas vivendas pola proximidade das lapas, constitúe un aviso das consecuencias de que os traballos de prevención de incendios non se realizasen no tempo correspondente, posto que se contrataron xa entrado o verán.
Os labores preventivos de roza de vexetación iniciáronse o 9 de agosto, en plena tempada de perigo alto de incendio, a pesar de que Santiago de Compostela está declarada como Zona de Alto Risco (ZAR) no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza de 2013 (PLADIGA), explicou o portavoz municipal nacionalista.