Henrique Viéitez advirte sobre o delicado estado de conservación dos exemplares que se gardan na Biblioteca-Museo de Ponteareas
O grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Henrique Viéitez, reclamará na Cámara que se inste á Xunta a dixitalizar integramente o periódico agrarista El Tea, pondo a disposición da cidadanía toda a colección na web da Biblioteca Galiciana.
Viéitez rexistrou unha serie de iniciativas parlamentares, entre elas unha proposición non de lei, dirixidas á conservación deste xornal, o que tamén inclúe restaurar a colección que El Tea posúe na Biblioteca-Museo de Ponteareas, pondo a disposición deste organismo municipal unha copia dixital íntegra da publicación, para facilitar así a súa consulta a todos os usuarios e evitar o deterioro do orixinal.
O deputado nacionalista lembra que El Tea é unha publicación básica para facer a historia contemporánea da comarca do Condado, “un relato que se escribe non só en Ponteareas, Mondariz, As Neves ou Salvaterra, senón tamén en Buenos Aires ou Lisboa, cidades nas que estaba radicado o segmento de emigración galega –e nomeadamente condal- que máis sintonizaba coas reivindicacións rexeneracionistas dos agrarios”.
O parlamentar advirte de que na actualidade os orixinais do xornal están dispersos en distintos lugares (Biblioteca-Museo de Ponteareas, Museo de Pontevedra, Biblioteca da USC, Real Academia Galega, etc) e a súa falla de dixitalización está a provocar un deterioro progresivo dos exemplares, ao punto de que unha das meirandes coleccións, a do museo de Ponteareas, presenta un estado de conservación moi delicado.
Para Viéitez, outra das eivas na conservación de El Tea é que os fondos que ofrece a Biblioteca Galiciana son moi escasos, o que dificulta a súa consulta por parte de investigadores e público en xeral interesados en coñecer a realidade sociopolítica dos labregos das comarcas do Condado, O Ribeiro, A Louriña e Vigo.
Dada esta situación, para evitar a desaparición irreparábel destes fondos e tamén para poñelos en valor é polo que o BNG urxe a intervención da Xunta e que se poña o asunto en mans de restauradores e especialistas en conservación de patrimonio bibliográfico.