Ourense | O 30 de decembro de 2021, o Consello da Xunta acordaba a adquisición de catro parcelas no barrio das Lagoas co obxectivo de construir un edificio administrativo no que centralizar a totalidade das súas dependencias en Ourense. A adquisición das parcelas, en lugar diferente ao que estaba previsto nos orzamentos dese mesmo ano, segundo sinalan desde o BNG, ascendeu a preto de 8,4 millóns de euros IVE incluído.
En setembro de 2022 convocouse un concurso de ideas, a nivel de anteproxectos, para a construción do novo edificio e o 21 de marzo de 2023, resolveuse declarar gañador ao proxecto presentado pola UTE Díaz e Díaz Arquitectos, S.L.P. e Castroferro Arquitectos S.L.P. e cuxo prazo de execución para a presentación do mesmo era de seis meses.
Segundo sinala o deputado do BNG no Pazo do Hórreo Iago Tabarés, “transcorrido con creces o prazo máximo para a presentación do proxecto e xa que logo para a licitación da construción, a cidadanía de Ourense segue agardando por unha infraestrutura anunciada hai máis de 30 anos”.
Tabarés lembra que “Ourense segue a ser a única cidade na que a Xunta de Galiza non ten concentrados os seus servizos administrativos nun único edificio, senón que as dependencias están esparexidas en 20 inmóbeis ubicados en distintas zonas da cidade, situación que implica unha evidente molestia para a cidadanía e un custo importante para os recursos públicos dado que non en todos os casos a propiedade do inmoble é pública”.
Para o deputado nacionalista, “non é menor o feito de que o estado de locais no que se ubican boa parte das dependencias administrativas non é a máis acaída. Carecen de luz natural, contan con problemas de climatización, de falta de espazo, humidades, verquidos, síndrome de edificio enfermo, sen medidas de emerxencia, con problemas de radón, etc. ademais de incumprir a Lei de accesibilidade universal, como xa se ten denunciado”.
Diante desta situación, o Grupo Parlamentar do BNG a través do deputado Iago Tabarés, ven de presentar unha PNL na que instan ao Executivo galego “a axilizar a construción dun edificio para albergar todas as dependencias administrativas da Xunta de Galiza na cidade de Ourense”.