Gondomar/Faro de Vigo | O primeiro parque temático da cultura galega estará no monte de Couso e chamarase Bosque da Lingua. A comunidade de montes impulsa este novidoso proxecto desde hai seis meses co obxectivo de acadar os 21. 655 euros do orzamento. Leva recadados case 7.000 na campaña de micromecenado aberta na súa web (montesdecouso.gal) e xa os investiu na creación dun anfiteatro, o primeiro da comarca miñorá.
O auditorio aire libre aproveita unha antiga canteira de granito no Chan da Mamonda. Ten un aforo estimado de 100 persoas e un escenario de 25 metros cadrados, aberto a acoller todo tipo de espectáculos musicais, culturais, educativos ou formativos.
Faltan agora 14.000 euros para completar o proxecto pensado para un espazo de 40.000 metros cadrados, no que colocarán un parque de xogos con elementos de madeira, unha zona de asemblea con tocóns para conversar, unha cociña-laboratorio, mesas de experimentación, casiñas, unha mámoa-túnel, pasarelas e ata un “hotel de bichos no que observar o comportamento dos insectos”.
Todo se complementará con paneis con textos de autores galegos, códigos QR con información cultural e unha app para guiar as visitas libres.
A idea é que sexa un espazo de encontro cultural onde presentar libros, organizar lecturas, contacontos, obradoiros ou espectáculos. Pero para chegar a iso, a comunidade de montes recoñecida pola ONU chama á colaboración da sociedade galega.
O seu presidente, Xosé Antón Araúxo, agradeceu onte as aportacións que xa levan cuberto o 34% do orzamento e solicitou máis axuda. Fíxoo nunha visita ó novo anfiteatro co voceiro da asociación de custodia do territorio Verdeval, Antón García, que colabora coa iniciativa.