Co apoio da Comunidade de Montes da parroquia de Couso (Gondomar), o Bosque da Lingua pretende ofrecer un espazo para a preservación da lingua galega e do medio ambiente a través de actividades didácticas.
Cando se orixina a iniciativa do Bosque das Linguas?
A iniciativa xurdiu o 17 de maio do ano 2021, particularmente ante a miña preocupación pola situación do galego. Nese sentido, dende a Comunidade de Montes pensamos qué podíamos facer pola lingua e ocurriusenos impulsar este iniciativa na Chan da Mamonda, que é unha parte do noso monte que temos conveniado co grupo de custodia do territorio “Verdeval”. É unha zona que se está a recuperar xa que era un vertedoiro que o Concello de Gondomar estivo utilizando sen ningún tipo de autorización.
Que espazo territorial vai ocupar este Bosque dentro da parroquia de Couso?
Son 3 hectareas máis outra que ocupa o Bosque das Memorias, que está a carón del.
Que iniciativas e actividades están previstas?
Utilizaranse para proxectos didácticos relacionados coa lingua e o medio ambiente. Contaría tamén cun espazo adicado a parque infantil, outro espazo (a maior parte) adicado a poemarios, onde os nosos mozos accederían ao texto completo dun poema mediante un código QR. Outro espazo xa ten construído un pequeno anfiteatro aproveitando unha vella canteira, no cal pretendemos facer actividades teatrais, musicais, contacontos, etc.
“O Bosque da Lingua utilizarase para proxectos didácticos relacionados coa lingua e o medio ambiente”
Como avanza o proceso de doazóns?
Levamos recadados 7.710 euros dos 21.650 que inicialmente costaba o proxecto. Hoxe coa suba de materiais será maior, incluso fixemos algunha mellora dende o orzamento inicial, polo que seguramente andaremos preto dos 30.000 euros. Iremos completando o proxectos según recademos.
Existe algún tipo de apoio institucional por parte do Concello de Gondomar e da Consellería de Medio Rural?
Non temos apoio institucional ningún. Escribímolles a todos os partidos políticos, sindicatos, universidades grupos ecoloxistas, A Mesa pola Normalización Lingüística, a AELG, a RAG…, só nos constestaron a FPG, A Mesa e Manifesto Miñor dicíndonos que daría difusión entre os seus achegados. Do resto das organizacións non sabemos nada.