Pontevedra | Unha achega de máis de 45.000 euros da Deputación de Pontevedra permitirá ao bosque de Sobroso recuperar o seu esplendor medieval. A actuación, que foi visitada pola presidenta, Carmela Silva, permitiu a eliminación de especies invasoras e a plantación de 1.200 novos exemplares de árbores autóctonas.
Á visita asistiron tamén a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández; as deputadas Iria Lamas e Victoria Alonso; a tenente de alcaldesa, Chus Garrote e concelleiros/as ponteareáns. O percorrido estivo guiado polo enxeñeiro técnico do Servizo de Medio Ambiente, Roberto Vázquez.
A reforestación, que comezou a finais de 2020, trátase dun paso previo ás obras de musealización do Castelo coas que a institución provincial está a impulsar a posta en valor do recinto como espazo cultural e natural.
Estes traballos enmárcanse no plan de valorización do Bosque Atlántico que rodea o Castelo, e consistiron na erradicación das especies invasoras existentes en 13 das súas 23 hectáreas (principalmente acacias e eucaliptos) e na plantación de carballos, castiñeiros, acevos, albedros e ameneiros, que terán un mantemento anual para garantir o seu óptimo desenvolvemento. Neste senso, nos últimos anos leváronse a cabo múltiples actuacións forestais e de campo, así como a sinalización da senda ambiental con códigos QR.
Con esta actuación a Deputación de Pontevedra dá un novo paso cara a esperada musealización de Sobroso, adxudicada por preto de 262.000 euros. A previsión do ente provincial é que dote ao castelo dun equipamento museográfico actual, apoiándose nas tecnoloxías audiovisuais do século XXI cun modelo turístico baseado nas experiencias.
“Con esta actuación a Deputación de Pontevedra dá un novo paso cara a esperada musealización de Sobroso, adxudicada por preto de 262.000 euros”
Así, os/as visitantes gozarán dunha ruta dunha hora de duración en galego, castelán ou inglés na que coñecerán a historia do castelo a través de sete pezas audiovisuais. A súa visita rematará co acceso á terraza, que estará equipada con atrís con imaxes panorámicas para permitir identificar todos os filtros e elementos da paisaxe.
O Castelo de Sobroso é un gran atractivo turístico da nosa provincia, que foi visitado en 2020 por preto de 11.000 persoas pese aos peches e as restricións derivadas da situación sanitaria. De feito, 3.500 destas visitas tiveron lugar entre xuño e agosto sumando máis que as realizadas durante o verán de 2019.
A institución provincial leva destinado, en total nos últimos 3 anos, máis de 300.000 euros a súa repoboación e musealización. Ademais, tras o confinamento, a Deputación integrou Sobroso no programa “Re-acción nos castelos”, que levou á fortaleza música, danza, teatro e obradoiros para nenas e nenos, enchendo o espazo de contido cultural seguro e esgotando todas as prazas dispoñibles.