A Cañiza | O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra acaba de rescatar a cinco cachorros que foran arroxados dentro dunha bolsa atada nun colector no municipio da Cañiza.
Os animais, tres femias e dous machos, tiñan tan só un día de vida e atópanse en relativo bo estado de saúde a pesar das circunstancias. Nestes momentos están a recuperarse nas instalacións da área de maternidade do centro na Armenteira.
Foi unha veciña a que descubriu o pasado sábado, 30 de setembro, aos cachorros nun colector da rúa Álvaro Cunqueiro da Cañiza e deu aviso á Garda Civil, que alertou ao CAAN. Persoal do centro trasladou aos cinco cachorros, tres femias, ás que se lle deu o nome de Brisa, Bimba e Lola, e dous machos, chamados Sancho e Lucas.
Nas instalacións da Armenteira están a recibir a alimentación e os coidados necesarios e, de continuar a súa favorable progresión, continuarán no centro ata completar o proceso para saír en adopción, que se prevé nun par de meses en canto conten coa pauta de vacinación completa. Amais, os animais sairán desparasitados interna e externamente e con chip.
Na actualidade, hai 52 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes adheridos ao CAAN, que segue mantendo a premisa de fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións.
O centro traballa 24 horas ao día os 365 días do ano, con servizos de recollida e veterinario de urxencia. As adopcións son gratuítas e o persoal asesora as persoas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitas como para formalizar as adopcións pídese cita previa nos teléfonos 986 140 360 ou 886 217 391.