A AP-9 (xa o temos dito un feixe de veces nestas páxinas de El Correo Gallego) é a nosa rúa maior, a vía que vertebra o territorio onde viven máis de 2 millóns de persoas, o 70 % da poboación deste país. Unha vía pola que transitas pagando un moi elevado portaxe, sen ter en máis do 75% do seu traxecto unha vía alternativa de balde. Mentres, o Goberno do Estado rescatou da creba as autoestradas madrileñas e entre as capitais castelás e andaluzas transitan por autovías gratuítas.
“PSOE e PP venderon este país cando, ilegalmente, alargaron as portaxes (…) estas prórrogas son ilegais en Dereito, como ven de afirmar o informe da UDC”
PSOE e PP venderon este país cando, ilegalmente, alargaron as portaxes dez anos (PSOE de González, 1994; entre 2013 e 2023) e vinte e cinco anos (PP de Aznar, 2002; entre agosto 2023 e agosto 2048). Mais, alén da traizón política e da inmoralidade cívica, estas prórrogas son ilegais en Dereito, como ven de afirmar o informe da UDC, encargado polo BNG e redactado polos profesores da devandita Universidade Carlos Aymerich e José Antonio Blanco.
Unha ilegalidade que se alicerza na modificación substancial, sen proceso de contratación competitiva, do tempo da concesión (que medrou case nun 100%, de 39 a 76 anos) e que determina a nulidade de pleno Dereito das prórrogas efectivas no 2013 e no 2023, consonte coa Directiva europea 93/37/CEE, que prohibía esta caste de modificacións substanciais na duración das concesións administrativas para garantir os principios de igualdade de tratamento e transparencia na contratación pública.
O efecto xurídico para esta nulidade é que a concesionaria e o Estado fagan contas de liquidación, devolvéndose o que se adebedan recíprocamente, e nesta conta non se ha incluir o concepto do “lucro cesante” (proxección de futuros beneficios empresariais entre agosto de 2023 e agosto de 2048), que o recente informe que lle encargou a Xunta á enxeñaría EPTISA avaliou en case 2.138 M€ (case 1.395 M€ se se lle minora o desconto do 3,80% pola rendibilidade media do bono español a 30 anos).
A razón é que a xurisprudencia do Tribunal Supremo considera que nas liquidacións que nacen da nulidade dun contrato público a obriga indemnizatoria do responsábel (neste caso a Administración do Estado) non abrangue ese lucro cesante.
Velaí que, consonte cunha avaliación polo “valor razoábel” ou “valor de mercado” (o valor que no 2018 pagaban terceiros pola matriz da concesionaria ou por parte dela) a indemnización abanearía entre 900,43 M€ e 904,76 M€.
Outras avaliacións alternativas do informe da UDC (o valor por beneficios futuros, ou os precedentes administrativos estatais na avaliación da responsabilidade patrimonial no sector das autoestradas de portaxe) non difiren nomeadamente dos devanditos. En todo caso habería que lle engadir uns 11,6-11,8 M€/ano pola conservación, xestión e mantemento da autoestrada, incluíndo amortizacións.
De calquera xeito, fronte estes 900-905 M€ os valores para o rescate do estudo da Xunta (entre 2.761,77M€ e 3.505 M€, incluído o devandito lucro cesante) ou os do Estado (que o ministro Puente avaliou en 6.000 M€) son absolutamente desaquelados e amosan que estamos diante dun xogo de caloteiros no que nin o Goberno central nin o galego semellan usar das súas competencias para defender o patrimonio público nin os intereses da nosa cidadanía e das nosas empresas.