O debate electoral do 5-F na CRTVG amosou o erro dos estrategas do PP que buscaban que Rueda emerxera do rebumbio dun suposto multipartito, pois que @s líderes tod@s da oposición non se trabucaron de adversario. Amosou tamén que a alternativa de cambio se alicerza nomeadamente sobre o BNG. Dende a noite do luns a progresión nas enquisas de Ana Pontón é continuada, mesmo até níveis próximos ao 30%. Limiar que non poucos analistas prognostican que pode superar.
Segundo estes inquéritos a candidatura soberanista estará nos níveis nos que a promaioritaria regra D´Hondt xa non prexudica e mesmo beneficia. Até o extremo de que un BNG nesta fronteira poderia facer goberno, mesmo no caso que o PSdeG baixase lixeiramente, a xeito dos 38 deputados acadados polo BNG e PSdeG (25 socialistas, 13 nacionalistas) que lles deron a Xunta no 2005. Só que desta volta ficaria invertida a proporcionalidade a prol do soberanismo.
Foi tamén unha primeira semana de campaña que transladou a idea de que o PP, por primeira vez dende o 2009, é vencíbel nunhas eleccións nacionais galegas. E esa idea ten a ver coa translación dunha sensación de inseguridade e desnortamento por parte do PP, enfrontado cunha candidata (Ana Pontón) empática, competente, moderna e transversal e cunha mensaxe soberanista ben estruturada que reivindica a ampliación do autogoberno e o recoñecemento nacional de Galicia arredor desa axenda galega (sanidade, economia, vivenda, ambiente e território, servizos públicos…) que o 70% da cidadania (segundo o CIS) quere que centre o debate no canto das andrómenas da estéril política madrileña.
O BNG, ademais, soubo integrar todo o galeguismo político (Anxo Quintana fai campaña na circunscrición ourensá, Xosé Manuel Beiras e Martiño Quintana partillan na campaña em Compostela, Alexandra Fernández e Iago Tabarés reintegráronse no 2019 e Mariñas xa pediu o voto para Pontón no 2020). Mais arestora Pontón é susceptíbel xa de sobardar as lindes do galeguismo e integra, no seu conxunto, a Galicia do cambio, a Galicia activa, plural e dinâmica. Ese máis de 60%, segundo varias enquisas, que prefire remuda na Xunta malia que até hai poucos días non acreditaba na súa maioría nela. Probábelmente tamén entre eles varios milleiros que votaron noutras ocasións ao PP:
Pertencería, xa que logo, ao térreo da lóxica política que nesta semana medre substancialmente a participación, nomeadamente nos sectores urbanos refractarios ao PP, mais de tradición abstencionista nas eleccións nacionais galegas. De se confirmar ese incremento e a concentración do voto no BNG o cambio non só é posíbel, senón probábel.