Tui | A fachada norte da Catedral de Santa María de Tui ilumínase dende hai uns días coa frecha amarela do Camiño de Santiago. Faino dentro da iniciativa “Acende o Camiño de Santiago” coa que a Xunta ilumina este Nadal medio cento de monumentos emblemáticos da Ruta Xacobea até o domingo 8 de xaneiro.
Este programa da continuidade á iniciativa realizada nos últimos anos como unha proposta para poñer en valor os fitos patrimoniais do Camiño de Santiago en Galicia, neste caso o Camiño Portugués, así como para promover o seu potencial turístico.
O Concello de Tui colabora con “Acende o Camiño de Santiago” facilitando a instalación dos equipos necesarios para esta proxección de luz e imaxe.
A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez Álvarez, agradece esta iniciativa que pon en valor á cidade de Tui e ao seu monumento máis emblemático, a Catedral de Santa María, como lugar referencial ao ser a porta de entrada dos camiños xacobeos portugueses en Galicia e a única catedral existente no Camiño Portugués, ata a súa chegada a Santiago de Compostela.