O Camiño Portugués da Costa entra en Galicia pola vila mariñeira da Guarda, tras cruzar o río Miño na súa desembocadura. Ten unha lonxitude de 162,6 quilómetros e a dificultade é media-baixa.
Esta ruta costeira discorre, en primeiro lugar, en dirección oeste e camiña en paralelo ao río Miño, ata chegar ao seu amplo esteiro.
Dominando a paisaxe atópase o monte de Santa Trega, gran miradoiro cara ao Atlántico e Portugal, célebre polo seu incrible castro, parcialmente escavado, un gran poboado que chegou ao seu punto culminante durante a romanización. Na faldra do monte, o porto da Guarda ofrécelle un bo acubillo á súa frota pesqueira.
A ruta camiña paralela á liña costeira, escarpada e agreste, en dirección norte. Pásase por Oia, localidade portuaria célebre polo seu mosteiro cisterciense; a igrexa medieval consérvase en bo estado e precede a súa entrada cunha nobre fachada barroca. O camiño dobra o Cabo Silleiro para penetrar nun territorio máis resgardado, a preciosa ría de Vigo.
En primeiro lugar chégase a Baiona, vila histórica de encantadoras rúas e prazas, igrexa do século XIII, capela barroca dedicada a santa Liberata e espectacular fortaleza de Montemaior, na actualidade, parador de turismo. Foi a primeira localidade en coñecer o éxito da primeira viaxe de Colón a América, ao chegar ao seu porto a carabela Pinta o 28 de febreiro de 1493.
Tras pasar a ponte medieval da Ramallosa, a ruta diríxese cara a Panxón (Nigrán), localidade coñecida polo Templo Votivo do Mar, arquitectura orixinal e ecléctica construída por Antonio Palacios entre 1932-37, os restos dunha igrexa visigoda do século VII e o areal de praia América.
Algo máis cara ao norte, o camiño atópase coa beleza da enseada de Samil e, pouco despois, coa populosa cidade de Vigo, en cuxo centro urbano non falta unha igrexa dedicada ao apóstolo Santiago. Despois de Vigo a ruta enlaza en Redondela co Camiño Portugués.
Concellos na ruta: A Guarda, Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures, Padrón, Teo, Rois, Ames e Santiago de Compostela.