A Guarda | O Concello da Guarda segue apostando por darlle pulo e o valor que merece a un tramo do Camiño que garda un gran potencial, e deseña unha imaxe propia na que aparece representado o noso mar, o Monte Trega e por suposto a cuncha do Camiño na súa vertente máis antiga. Porque ademais de beleza o Camiño Portugués da Costa ten moita historia.
O Camiño Portugués da Costa iníciase na cidade de Porto (Portugal), recorre a costa norte portuguesa, cruza en Caminha o río Miño cara a Galicia pola Guarda e termina en Redondela, onde entronca co Camiño Portugués.
Xa no ano 2000 encárgase un estudo sobre a fundamentación histórica desta variante do Camiño, para acabar sendo recoñecido polo Parlamento de Galicia no 2009. No 2011 abre as súas portas o albergue municipal e, xa por fin no 2016 acada a súa oficialidade coa publicación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.
Desde o 2016, ano no que a Oficina do Peregrino en Santiago comeza a contabilizar o número de persoas que realizan esta variante, e ata o ano no que se desencadeou a pandemia, o crecemento de paso de peregrinos/as por este Camiño foi exponencial.
En 2016 pasaron polo noso Camiño 2.600 peregrinos/as, en 2017 foron 7.329, en 2018 un total de 13.841 e en 2019 xa contamos con 22.291. Con estes datos queremos destacar a importancia deste recurso co que contamos na vila, que xa demostrou ser un auténtico revulsivo económico que permite a un pobo costeiro como o noso axudar a desestacionalizar a súa recepción de visitantes e por ende mellorar a súa economía.
Recordemos que os peregrinos e peregrinas compran no comercio local, consumen na hostalaría, gastan no sector servizos e pernoctan nos albergues e establecementos hoteleiros privados.
Por todas estas razóns consideramos que todas as administracións debemos poñer todos os recursos posibles para seguir coidando e promovendo este Camiño, tan importante non só para A Guarda, senón para todas as pequenas vilas polas que pasa e para as que o Camiño é vida, é economía, é difusión, etc.
Pero por desgraza non todas as administracións estamos a unha, concretamente Portos de Galicia continúa facendo oídos xordos ás nosas peticións e confirmou fai uns días que a plataforma de atraque do ferri que comunica Caminha coa Guarda non estará arranxada para o paso de vehículos nin sequera para o verán. Polo que é bastante probable que o ferri siga sen funcionar durante máis tempo, porque presupoñemos que nesta modalidade e sen o transporte de vehículos a motor, non lles resultará rendible poñelo en funcionamento.
Unido a isto fai unhas semanas puidemos ler as declaracións da Xunta de Galicia felicitando a Portugal por recoñecer unha variante do Camiño Portugués da Costa que xa non cruza pola Guarda, senón que prosigue por Portugal pola beira do río (nin sequera por costa) ata cruzar en Tui.
Polo que teremos que agradecerlle á Xunta de Galicia que este verán teñamos a centos de peregrinos/as confundidos/as da ruta pola que deben proseguir o Camiño Portugués da Costa, de que algúns opten por seguir por Portugal e non pasar por A Guarda, e se finalmente deciden visitarnos non terán máis opcións que utilizar as lanchas portuguesas, que nin lles ofrecen horarios nin tarifas estables.
Pola nosa parte desde A Guarda seguiremos como ata agora dando valor ao noso Camiño, e temos previstas, ademais da creación desta propia imaxe que hoxe presentamos, as seguintes actuacións:
– Organización de actividades cos centros educativos e asociacións para que coñezan e sexan quen de poñer en valor o noso Camiño.
– Redacción dun proxecto técnico que ten como obxectivo embelecer determinados puntos que presentan carencias a nivel estético e que actuará tanto a nivel forestal como de obra.
– Presentación no mes de maio dun documental onde aparece o tramo da Guarda.
– Colocación nun espazo singular do Camiño dunha escultura na que están traballando desde a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, ademais instalaranse novas zonas de descanso en puntos estratéxicos, así como outras dúas figuras en madeira dunha peregrina e un Apóstolo Santiago que serán cedidas pola Comunidade de Montes da Guarda.- A nivel de difusión seguimos invertendo en publicidade en medios de comunicación tanto a nivel autonómico como estatal.
E unido a todas estas accións inmediatas ven de solicitarse á Xunta de Galicia unha subvención para mellorar o último tramo do Camiño que discorre pola Guarda, concretamente a actuación se levará a cabo nunha zona de pista forestal na que se tratará de mellorar a escorrentía de augas coa colocación de adoquín coa finalidade de beneficiar sobre todo ás persoas que realicen o camiño en bicicleta, e que se completará coa colocación de paneis para embelecer illas ecolóxicas na Praia de Fedorento e Area Grande.