Pontevedra | “Un proxecto extraordinario, revolucionario, potente e intelixente para reivindicar a necesidade de reconstruír un mundo que non conta connosco. As mulleres estarán á fronte, nun espazo libre de agresións e de abusos”. Así definiu a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o espectáculo ‘Ramonas on tour’. Trátase dunha das principais actividades, xa programada e de interese xeral, incluídas na axenda cultural que a institución provincial puxo en marcha ao abeiro da folga feminista do 8 de marzo. Acompañárona na presentación, esta mañá na entrada do Pazo provincial, unha das integrantes da banda, Patricia Moon, e unha das convidadas especiais, a artista Area. As artistas remataron o acto interpretando un número musical do espectáculo.
O alumnado de educación secundaria poderá subir ao camión das Ramonas para asistir a unha proba de son didáctica e para recibir formación en relacións tóxicas e igualdade
A banda ‘Ramonas on tour’ chegará co seu camión a Vigo e Pontevedra os 15 e 22 de marzo con concertos de música rock, obradoiros xuvenís “sobre relacións tóxicas e igualdade”, conferencias sobre “o imprescindible papel da muller no mundo da cultura nas que participarán distintos modelos de mulleres de cada localidade” e tamén unha exposición sobre a muller e a música, sinalou a Presidenta provincial. Estas serán as dúas primeiras citas, xa que Carmela Silva adiantou que “as Ramonas van percorrer a provincia de Pontevedra”.
O espectáculo ‘Ramonas on tour’ está baseado en dous fitos: “a aprobación en 1993 da Lei Revolucionaria de Mulleres impulsada polas mulleres zapatistas, lideradas pola comandanta Ramona”, e “o manifesto ‘Riot Grrrl’ que apareceu publicado no fanzine Bikini Kill, o nome da banda liderada por Kathleen Hanna, co convencemento de que as mozas constitúen a alma da forza revolucionaria que pode cambiar e cambiará o mundo de verdade”, sinalou a Presidenta. ‘Ramonas on Tour’ nace en homenaxe a elas cunha xira “que alimentará o debate sobre o feminismo como unha actitude nos pobos, vilas e cidades”.
A xira de ‘Ramonas on tour’ desembarcará primeiro na Porta do Sol de Vigo o venres 15 de marzo, a partir das 10:00 da mañá. Desde ese momento poderase visitar a exposición sobre a muller no mundo da música e sobre a Comandanta Ramona e as mulleres zapatistas (aberta ata as 0:00 horas da noite) e tamén terá lugar o primeiro obradoiro sobre relacións tóxicas e a igualdade, destinado ao alumnado de 3º e 4º da ESO. O primeiro pase das actuacións será ás 11:30 horas, cunha proba de son a modo de concerto didáctico coas Ramonas. Poderá participar o alumnado de todos os cursos da ESO e nel falarán sobre o papel da muller na industria cultural e máis en concreto no da música. Xa pola tarde, ás 19:00 horas comezarán as conversas sobre a muller na industria cultural, “Nunca máis sen nosoutras”. Participarán a música Belén Lamas, a artista gráfica Lupita Hard e Marcia Vázquez da Asociación 85C. A partir das 22:30 horas as ‘Ramonas on tour’ comezarán o seu segundo concerto do día, enfocado esta vez ao público xeral, e levarán de convidadas a Linda Lamarr (Belén Lamas), Coral Alonso, Seilaesencia e Area.
No caso de Pontevedra, instalaranse o venres seguinte, 22 de marzo, na Praza da Ferrería. Mantéñense os mesmos horarios que na quenda de Vigo. En canto á conversa sobre a muller na industria cultural, neste caso as convidadas serán Cristina V. (directora do festival Ribeiro Son de Viño), Cristina García (de Esmerarte) e a pianista Noemí Salomón. As artistas convidadas das ‘Ramonas on tour’ no concerto de Pontevedra aínda están por confirmar.
Carmela Silva asegurou que este proxecto “nace de mulleres extraordinarias da cultura, ás que dou as grazas por confiar na Deputación de Pontevedra como administración idónea para apoiala”. A Presidenta provincial lembrou que “o feminismo é un movemento filosófico que pertence ás mulleres e non un movemento partidario. A Deputación quere formar parte desa voz de muller que está rachando cun sistema patriarcal inxusto, pero ninguén pode instrumentalizar esta loita pola igualdade”. Carmela Silva felicitou ao servizo de Igualdade, liderado pola deputada Isaura Abelairas, “por ter sensibilidade con ideas que nacen de mulleres marabillosas”.
Un extenso calendario de actividades de marzo a maio
‘Ramonas on tour’ é unha das principais actividades que organiza a Deputación de Pontevedra ao abeiro do 8 de marzo, xunto coas xornadas “Muller e poder” e “As mulleres crean” da Escola de Igualdade María Vinyals. A Deputación tamén está a levar a cabo actividades ao longo de toda a provincia, como as exposicións “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” (xa en Cangas e en Vigo a partir do día 21), “Rompe. Xoga en Igualdade” (na Guarda a partir do xoves) e “Sorrisos transformadores” (en Vigo desde o día 22), cuxo documental foi finalista dos Premios Mestre Mateo a mellor serie web. Ademais, o programa “Mulleres en acción. Violencia Zero” chegará o luns a Barro e o día 26 a Vilagarcía de Arousa, onde o día 12 tamén se presentará o libro “María Vinyals. Un talento rebelde”.
A Deputación de Pontevedra anima a todas as mulleres a sumarse á folga feminista de 24 horas deste venres 8 de marzo. Carmela Silva xa anunciou que tanto ela como todas as mulleres do Goberno e dos gabinetes pararán durante todo o día, que ás 11:00 horas terá lugar o manifesto no exterior do Pazo provincial e que posteriormente participarán nas mobilizacións previstas na provincia. “Consideramos que a igualdade é unha cuestión de interese xeral e que non pode haber nada máis prioritario que esta loita: que o 52 por cento da poboación ocupemos a metade de todo o que nos corresponde”, asegurou hoxe a Presidenta.