Ourense | O cantante Loquillo non actuará nas Festas de Ourense 2022. O artista cancelou unilateralmente o acordo que tiña co Concello de Ourense para ofrecer un concerto o día 25 de xuño. O Concello traballa na contratación dunha alternativa artística do mesmo nivel que substituiría a este concerto na programación das festas da cidade.
O Concello de Ourense recibiu no día de onte a rescisión unilateral do acordo que tiña con Loquillo, aludindose desde a representación do artista a diversos imprevistos e continxencias. Inicialmente, desde o Concello abriuse a posibilidade de negociar o traslado do concerto a outono. Mais finalmente, o Concello tivo coñecemento de que o motivo real era que o cantante fora contratado de urxencia para substituir a outro músico ese mesmo día nun festival que se celebra en Bilbao.
O goberno municipal entende que “está claro que é algo deliberado, unha ruptura unilateral dun acordo que xa existía”, e que o que ocorreu foi que “cando lle saíu algo mellor, deixar colgado ao Concello. Rompeu un acordo verbal e deberá rendir contas diante da xustiza”, aseguran.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, transmitiulle persoalmente á axencia de Loquillo que “non tolera que á cidade de Ourense se lle tome o pelo”, polo que o luns “porémolo en mans dos servizos xurídicos do Concello para levalo ao xulgado”.