O Castelao político, o Castelao patriota.

Este martes, 7 de xaneiro, celebramos o 75º cabodano de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, primeiro Presidente do Consello da Galiza (1944-1950) e, xa que logo, recoñecido pola unanimidade do Parlamento de Galicia como primeiro presidente da Galicia, segundo acordo que foi publicitado o último 15 de novembro. Data esta –o 15-N– na que celebramos o 80º cabodano da constitución en Montevideo e Buenos Aires do devandito Consello, órgano fideicomisario da vontade política de autogoberno galego manifestada no referendo do 28 de xuño de 1936, que aprobou o Estatuto de Galicia cun millón de votos afirmativos (case 74% do censo de eleitores!!). O 7-X abre o Ano 2025, o Ano Castelao, no que o noso país, a nosa cidadanía, habería mellorar substancialmente no coñecemento real do ideario político do máis importante político e patriota galego do século XX.

Indubidabelmente Castelao foi un grande creador artístico e literario. Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, vén de salientar nunha recente entrevista con Ramón Ermida no Nós Diario a súa produción monumental (1.200 debuxos) e máis a súa obra gráfica interpretando a barbarie fascio-franquista da represión e da guerra, coma Goya ou mesmo de xeito superior a Goya, na expresión do mesmo Seixas. Unha obra na que, como en Cousas, foi quen de xuntar texto e imaxe dun xeito que o converten no autor galego máis universal e, canda Rosalía, no mellor acollido polo seu pobo.

Mais, sendo evidente que este Ano Castelao ha difundir a obra artístico-literaria do rianxeiro, o que máis interesa neste ano é o espallamento xeral do Castelao político e patriota. Precisamente aquel na que máis diverxencias poden existir coa interpretación do PPdeG que dirixe o Goberno galego e a maioría parlamentaria na que se alicerza.

“O que máis interesa neste Ano Castelao é o espallamento xeral do Castelao político e patriota”

Castelao acreditaba que Galicia era unha nación á que lle pertencía o dereito a decidir de xeito soberano. Neste contexto a aprobación dun Estatuto como o de 1936 era para el un compromiso histórico provisional do que adoito dubidou no seu longo exilio (1939-1950), precisamente diante da inflexibilidade centralista e unionista da meirande parte do republicanismo español. Velaí a súa angueira, canda o lehendakari Agirre, de artellar Galeusca como alianza das tres nacións que garantira unha reinstauración republicana dende un pacto federal (en realidade confederal nas cuestións máis políticas, lingüísticas, culturais e da administración territorial).

Castelao apostaba polo entendemento federal-plurinacional, entendido dende a coexistencia pacífica e colaborativa entre todos os pobos para artellar unha nova República, a Confederación Ibérica con Portugal, e máis na Unión Europea na que acreditaba. Castelao era un demócrata que acreditaba na xustiza social, nunha sociedade interclasista e nas liberdades.

Mais Castelao, por riba de todo, foi un grande patriota que soubo conectar co pobo e tamén facer política, quitando petróleo das limitadas cartas coas que lle foi dado xogar na partida. Velaí o seu grande prestixio dentro e fóra do país, en vida e despois dela. E tamén os seus éxitos: i) conversión do Partido Galeguista (1931-1936) nun partido de masas, ii) aprobación pola xa comentada amplísima maioría do Estatuto (28/06/1936), recepción parlamentaria do mesmo (Montserrat, 1938) e aprobación do mesmo condicionada á restauración republicana no territorio galego (México DF, novembro de 1945), iii) constitución do Consello de Galiza como representante fideicomisario da vontade política do noso país na ditadura franquista (1944), iv) participación como ministro representante de Galicia no Goberno republicano de Giral (1946-47) e v) dinamización resultante de Galeusca, o que constituíu o precedente do recoñecemento na Constitución do 1978 do dereito de Galicia, Euskadi e Catalunya como nacionalidades a acceder directamente ao meirande nível de autogoberno e a negociar cadanseu Estatuto dun xeito bilateral.

Neste 2025, sen dúbida, é o tempo da difusión do Castelao patriota, do Castelao político. O persoeiro galego máis importante do século XX.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.