Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo en valor este mércores o uso do Castelo de Soutomaior como símbolo cultural, turístico e de coidado do medio ambiente para o conxunto da cidadanía de toda a provincia.
“É unha xoia que temos a sorte de desfrutar e o deber de coidar”, puntualizou o dirixente. Fíxoo no acto de conmemoración do Día Mundial do Turismo, que contou cunha visita guiada polos xardíns e o bosque do castelo no que participaron escolares do CEIP Manuel Padín Truiteiro.
Acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, o presidente provincial destacou o crecemento das visitas ao castelo e as actividades lúdicas e culturais programadas ao longo de todo o ano deseñadas para toda a cidadanía. Deste xeito, Luis López recordou que ao longo do verán, entre xuño e agosto, visitaron o complexo de Soutomaior 14.997 persoas, un total de 1.750 visitantes máis que no mesmo período do ano anterior.
Pero a acción non remata co fin da época estival. Para o outono están previstos novos programas que xa teñen as súas prazas case esgotadas. As visitas teatralizadas para celebrar o Samaín terán lugar os sábados e domingos de outubro para un público familiar e polas noites do venres e dos sábados para un público adulto. Mentres que o 28 de outubro terá lugar un obradoiro sobre árbores e froitas típicos desta tradición e o 4 de novembro una ruta polo bosque para apañar castañas e degustalas que xa ten todas as súas prazas reservadas.
“No Castelo de Soutomaior temos actividades durante toda a época do ano. Actividades pensadas para a xente que nos visita, pero tamén para a xente da casa. Porque este castelo é patrimonio de todas a todos. E toda a cidadanía ten que poder desfrutar del”, afirmou o presidente da Deputación, Luis López, quen destacou tamén as boas cifras da tempada alta de turismo que se pecharon na provincia cunha ocupación nos hoteis do 86,5 % no mes de agosto ou o crecemento do número de peregrinos que completan algunha das variantes do Camiño de Santiago.
“Investimentos Verdes” é o lema elixido este ano pola Organización Mundial de Turismo para a conmemoración do Día Mundial de Turismo e o mandatario provincial sinalou que “é un lema que se adapta moi ben á nosa provincia”. A sustentabilidade, o respecto polo medio ambiente, a desestacionalización e un crecemento controlado son os obxectivos do goberno de Luis López en materia de turismo para este mandato.
A provincia vai polo bo camiño, pero “aínda non tocamos teito”, asegura o presidente, poñendo como un exemplo do camiño a seguir a celebración de eventos fóra da tempada alta de verán como a final das series mundiais de tríatlon que encheu a cidade e a comarca de Pontevedra de visitantes e situou ás Rías Baixas nun atractivo escaparate para o turismo mundial.
Un proxecto que Luis López resume nunha frase: “Pontevedra é desfrutar”. As praias, o sol, a natureza, a gastronomía, o termalismo, a enoloxía, a paisaxe, a cultura e o ocio que ofrece a provincia e as Rías Baixas son atractivos para “desfrutar todo o ano”, rematou o presidente da Deputación.