Ponteareas | Ponteareas xa ten pregoeiro para o seu Corpus Christi 2023. Será Jorge Sobral Fernández, catedrático en Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e un dos maiores expertos en psicoloxía criminal, autor de varios libros e numerosos artigos en publicacións científicas especializadas.
Natural de Ponteareas, Sobral é director do Departamento de Socioloxía e Ciencia Política da universidade compostelá, especialista en Psicoloxía Criminal e Psicoloxía Xurídica e profesor de moitas xeracións de psicólogos e criminólogos formados en Galicia. Ademais, é socio fundador da Sociedade Española de Investigación Criminolóxica.
A súa produción científica centrouse especialmente no ámbito da Psicoloxía Xurídica, derivando nos últimos anos cara a preocupacións moi vinculadas ao ámbito da construción da motivación criminal, campo no que tamén se centrou prioritariamente na súa actividade docente.
A alcaldesa, Cristina Fernández, amosou a satisfacción e orgullo do Concello de Ponteareas ao contar con Jorge Sobral como pregoeiro para esta nova edición do Corpus. A rexedora resaltou a destacada traxectoria profesional do pregoeiro e amosou a súa ledicia “por dar visibilidade cada ano nas nosas festas grandes a ponteareás e ponteareáns que sobresaen nos ámbitos máis dispares. Será un pregoeiro excepcional para dar o pistoletazo de saída ás celebracións deste ano 2023”. A lectura do pregón terá lugar o domingo 4 de xuño ás 12.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal Reveriano Soutullo e marcará o inicio dunha semana de Corpus cun amplo programa de actividades que se dará a coñecer nos vindeiros días.