Cadernos da viaxe.
Rematou abril coa demisión do presidente da Xunta, que racha deste xeito o compromiso asumido perante a cidadanía galega no verán electoral de 2020, naquela campaña sen siglas do PP, a do “Galicia, Galicia, Galicia”. Foron trece anos e algúns días e deixa tras del catro maiorías absolutas, mais tamén unha Galicia máis dependente, menos equitativa e máis pobre.
Núñez Feijóo, como xa teño escrito, asistiu pasivo dende o 2009 ao proceso de deconstrución do subsistema financeiro galego, composto na altura por Caixa Galicia, Caixanova, Caixa Rural Galega e polos Bancos Gallego, Pastor, Galicia e Etcheverría. Asistiu pasivo á merca do Pastor polo Popular e á merca do Gallego polo Sabadell.
Non foi quen de evitar a destrucción das Caixas e mesmo fixo posíbel unha malfadada fusión que contribuiu en parte ao imparábel proceso de exclusión financeira das nosas empresas e consumidores, que nace do crecente oligopolio bancario e recentralización das decisións de financiamento en Madrid e ao que o Presidente galego asiste dende a total pasividade.
“Malia sermos menos galegos, por mor da falla de resposta reindustrializadora, hoxe hai máis pobres ca no 2009”
Malia sermos menos galegos, por mor da falla de resposta reindustrializadora, hoxe hai máis pobres ca no 2009. O 25,7% da poboación estaba en risco de pobreza ou exclusión no 2020. Dende 2017 a pobreza medra no noso país máis ca no conxunto do Estado. No 2008, gobernando PSde G e BNG acadamos o índice de desigualdade máis baixo da historia (0,284 no índice de Gini), mentres que no 2020 este índice era do 0,42. É dicir, durante o tempo de goberno de Núñez Feijóo e malia a redución da poboación en termos absolutos, medrou a desigualdade case nun 50%.
Como tamén escrebín na pasada campaña electoral de 2020 o mito do bo xestor non se ten de pe. Mil camas menos na sanidade galega dende 2009. No 2019 eramos o terceiro territorio do Estado con menos camas hospitalarias (3,14/1000 residentes), sendo a nosa ratio de camas UVI de 5,88/100.000 habitantes, fronte as máis de 13 de Alemaña e 8,2 do conxunto do Estado.
Nos servizos sociais non se creou unha soa praza pública de residencias da terceira idade, abandonando o coidado dos nosos maiores dependentes en multinacionais orientadas ao beneficio económico.
O noso índice de investimento en I+D+i é dos máis baixos da Europa (0,84% PIB). Non existiu política industrial nin existiu crédito público orientado ás nosas empresas nestes trece anos. IGAPE e XESGALICIA foron claramente infrautilizados, mentres entre 2009 e 2014 perdíamos todo o emprego industrial creado entre 2000 e 2008.
“O noso índice de investimento en I+D+i é dos máis baixos da Europa (0,84% PIB)”
Núñez Feijóo actuou máis como contábel ou como presidente dunha comunidade de veciños (como ven de escrebir Antón Losada) que a xeito de Presidente dun país. Iso si, amosou ser o o mellor facéndolle oposición á oposición e botándolle as culpas aos demáis.