O CEIP Antonio Blanco de Covelo realizará visita á Serra do Suído

Dentro do proxecto RíosAldeasMontañas

Covelo | O alumnado do CEIP Antonio Blanco coñecerá a riqueza natural do seu Concello da man man do guía de montaña Julio Eiroa. Esta iniciativa, financiada polo Concello de Covelo, enmárcase dentro do proxecto RíosAldeasMontañas do Concello de Covelo e vén a reforzar os esforzos realizados nestes últimos anos para dar a coñecer a riqueza medioambiental e histórica do concello facendo que mensualmente participen non só ducias de visitantes, tamén veciñas e veciños.

Este venres o alumnado visitará o Suído para coñecer a riqueza dos nacentes dos ríos, os ecosistemas das turbeiras e os humedais co obxectivo de entender a importancia da conservación da auga para as parroquias. A excursión complétase coa visita á gandaría Sestelo na parroquia de Godóns e coñecer así as distintas posibilidades que ofrece o rural.

O Concello de Covelo realizou ao longo deste curso distintas actividades en colaboración co centro educativo local como a impartida por cibervoluntarios onte martes sobre navegación segura na rede e tecnoadiccións. Outra das actividades realizada en colaboración co Concello e coa Deputación de Pontevedra foi a de diversidade afectivo sexual da man da asociación Nós Mesmas, as de animación no entroido ou as distintas saídas ofrecidas para todos os ciclos dentro do programa RíosAldeasMontañas.

RíosAldeasMontañas
RíosAldeasMontañas é un conxunto de actividades destinadas ao alumnado dos ciclos de primaria do C.E.I.P Antonio Blanco Rodríguez de Covelo. Un deseño previsto a varios anos consecutivos de excursións interpretativas de educación ambiental e patrimonio.

O proxecto iniciado neste curso, rematará no 2028 cando o alumnado que este ano está en 1º de primaria chegue a 6º. Así, durante o curso escolar realizarase unha saída por ciclo. 1º e 2º Primaria sairán xuntos, 3º e 4º polo seu lado e 5º e 6º de primaria tamén. Un neno ou nena que neste ano curse 1º de primaria terá a oportunidade de realizar 6 excursións de diferente temática*.

O nome do proxecto recolle os conceptos que unifican esta formación. O alumnado de 1º e 2º de primaria participaron en actividades no ecosistema fluvial do fondo dos vales que percorre Covelo. Os alumnos de 3º e 4 de primaria participaron en actividades ligadas á vida na aldea e parroquias e os alumnos de 5º e 6º de primaria visitarán as serras e montañas do concello de Covelo.

Grazas a esta iniciativa o alumnado coñeceu o río Tea, o bosque de ribeira, o salmón atlántico e os muíños, o serradoiro de Carranos, o lagar de cera, as levadas e as eiras. Tamén a tradición gandeira, as chozas, chozos, currais e sesteiros, os foxos dos lobos, os camiños arrieiros e as turbeiras de montaña.

Volven a Covelo os Coidados Porta a Porta
Volven os Coidados Porta a Porta ao Concello de Covelo. Na área para autocaravanas instalarase o autobús sanitario que atenderá os días 4, 5 e 6 de xuño en horario de 09:00 a 20:00 horas. O prazo para solicitar citas ábrese o día 2 de xuño e as persoas interesadas en recibir coidado de audioloxía, podoloxía e memoria deberán chamar a un destes números de teléfono, 622.748.283 /623 546 992 ou contactar por correo electrónico en coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal