O Centro de Saúde de Ponteareas logra a acreditación para docencia MIR/ EIR e amplía o seu persoal cunha nova enfermeiraespecialista

A enfermeira especialista reforzará o traballo que se realiza con motivo da COVID-19.

 

Ponteareas | Nestes días incorporouse unha Enfermeira especialista en Atención Familiar e Comunitaria, para reforzar o traballo que se realiza con motivo da COVID-19.

Ponteareas | A Xerencia da Área Sanitaria de Vigo anunciou novas melloras para o Centro de Saúde de Ponteareas. A primeira delas ten que ver co aumento do persoal de traballadores do centro sanitario, xa que incorporouse unha Enfermeira especialista en Atención Familiar e Comunitaria, por primeira vez na historia do centro.

Desde o PP de Ponteareas explican que “as Enfermeiras especialistas en Atención Familiar e Comunitaria son profesionais que teñen coñecementos específicos enfocados á realización de coidados sanitarios avanzados, a planificación de actividades comunitarias a través de programas de Educación para a Saúde ou a vixilancia epidemiolóxica e ambiental, entre outras tarefas”. Este novo incremento do persoal de traballadores, responde os reforzos realizados vinculados á COVID-19, para mellorar a nova organización da atención sanitaria, o seguimento de pacientes crónicos, e impulsar a implantación de TELEA (Plataforma de Tele-seguimento de pacientes desde o seu domicilio).

Tamén se conseguiu a acreditación do Centro de Saúde como docente, para que proximamente poida contar con Médicos e Enfermeiros Internos Residentes ( MIR/ EIR).

O Partido Popular considera que todas estas medidas melloran a calidade da atención sanitaria que se ofrece desde o Centro de Saúde de Ponteareas a todos os veciños e veciñas. “Desde que existe o Centro de Saúde, esta será a primeira vez que conte cunha praza destas características, o que significa aumentar a calidade da atención sanitaria que ofrece todo o equipo de profesionais”, afirman os populares.

Esta nova incorporación de persoal sanitario súmase ás 9 realizadas no último ano, das que 3 foron para aumentar o persoal de traballadores cos que conta o Centro de Saúde e PAC (1 Médico de Familia, 1 Enfermeira e 1 Enfermeira especialista-Matrona), e as outras 6 para mellorar a estabilidade do persoal.

Por último desde o PP, tamén agradecen o que supoñerá outro feito histórico para a sanidade Ponteareá, que é a acreditación como “docente” do Centro de Saúde de Ponteareas. Isto significará que a partir do próximo ano 2021 o Centro de Saúde terá outro importante aumento de persoal coa incorporación de MIR e EIR que poderán formarse na súa especialidade en Ponteareas. “Esta acreditación é bastante complicada de conseguir, pero finalmente grazas ao traballo da Xerencia e ao de todos os traballadores do Centro de Saúde, despois de moito esforzo púidose lograr, así que a nós non nos queda máis que dar as grazas por este magnífico avance que de seguro mellorará a atención sanitaria de todos os nosos veciños”, finalizan os populares.