O Porriño | O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañou hoxe ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na súa visita ás novas instalacións do centro de saúde do Porriño, unha infraestrutura que, coa súa reforma e ampliación, supón un salto de calidade na atención sanitaria de atención primaria para os veciños do municipio.
Acompañado pola concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, o responsable da Sanidade galega subliñou a importancia dunha actuación na que a Xunta investiu un total de 6,2 millóns de euros, entre obra e equipamento, e coa que se optimizará a asistencia que o Servizo Galego de Saúde lle presta á veciñanza do Porriño.
Gómez Caamaño remarcou que se trata dunha actuación coa que se acadou “un resultado moi satisfactorio”, grazas á excelente colaboración entre a Xunta e o Concello, e subliñou a significativa mellora que suporá para os seus usuarios e profesionais, así como o carácter sostible dos materiais empregados nesta construción.
Gómez Caamaño avanzou, ademais, que neste mes de xaneiro o centro de saúde do Porriño realizará tratamentos oncolóxicos, o que evitará que moitos dos seus pacientes se teñan que desprazar ata Vigo.
Cos novos espazos, o centro de saúde do Porriño amplía en 1.100 metros cadrados a súa superficie, acadando agora os 2.700 metros cadrados. Conta cun novo volume de tres plantas, que acolle un novo PAC que dotado con 5 consultas, 3 de medicina e 2 de enfermería, ademais dunha nova sala de reanimación e unha área de fisioterapia, entre outros espazos.
“Reformamos o centro de saúde orixinal, modernizándoo e reordenando os seus espazos” explicou Caamaño, destacando tamén a adquisición de tecnoloxía sanitaria e novos equipos clínicos para este centro, aos que a Xunta destinou unha partida de 600.000 euros.
O alcalde, pola súa banda agradeceu a visita do responsable autonómico e a “importantísima inversión da Xunta”. “É a súa primeira visita como conselleiro ao Porriño e estou seguro que non será a última e que chegarán cargadas de investimentos e melloras para o noso Concello”, apuntou o rexedor. Lorenzo quixo agradecer en especial “o esforzo do persoal do Centro de Saúde, representado hoxe aquí pola xefa de servizo, Ángeles Charlie, sen eles non sería posible levar a cabo estas melloras. Durante os case dous anos de obras non pararon a súa actividade nin un só día e non aprazaron ningunha cita, e ese esforzo que fixeron por seguir prestando atención aos usuarios e usuarias é encomiable”.
Reunión de traballo con Osílice
Ao remate da xuntanza os responsables autonómicos e municipais mantiveron un encontro coa directiva da Asociación de Afectados por Silicose, OSÍLICE. Na mesma participaron o presidente da asociación, Orlando Márquez, o vicepresidente, Serafín Ramilo, e o secretario, Saturnino Riveira. Na mesma tamén participou o xefe de Neumoloxía da Área Sanitaria de Vigo, Alberto Fernández Villar.
Nova cuberta para o CEIP Xosé Fernandez
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o xefe territorial de Educación de Pontevedra, César Pérez, e a concelleira de Educación Carolina González, visitaron esta semana as instalacións do CEIP Xosé Fernández López para comprobar o resultado das obras de substitución da cuberta do edificio de educación infantil, que xa están finalizadas garantizando a seguridade e correcto desenvolvemento das actividades escolares.
A intervención, que contou cunha inversión de 48.397 euros por parte da Xunta de Galicia, consistiu na retirada da antiga cuberta de fibrocemento, material que contiña amianto e que representaba un risco para a saúde. No seu lugar, instalouse unha nova estrutura con planchas metálicas tipo sándwich, que proporciona unha contorna segura para as nenas e nenos e tamén para o persoal docente.
“A renovación da cuberta non só respondía á necesidade de eliminar os riscos derivados da presenza de amianto, tamén contribúe a crear un espazo máis seguro e funcional para o desenvolvemento educativo do alumnado”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo. O rexedor destacou que se trataba dunha actuación moi demandada polo centro, no que nos últimos anos se acometeron diversas melloras significativas como a instalación dun ascensor, a renovación de toda a carpintaría exterior para mellorar o illamento, reformas no pavillón, implantación do comedor escolar e retirada do antigo depósito de gasoil, entre outras.
“É un edificio moi antigo e require de moito mantemento, pero seguiremos traballando da man do equipo directivo e a Xunta de Galicia para que poidan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións, tanto no CEIP Xosé Fernández López como no resto dos centros educativos do Porriño”, concluíu Lorenzo.