O certame “Imaxes do Patrimonio” permitiu ao alumnado galego e portugués enxalzar o patrimonio inmaterial

Organizado pola Asociación Ponte...nas Ondas! no Centro Cultural de Valadares en Vigo

Vigo | Ao son do Radio Bulebule de Paco Nogueiras e co público en pé bailando e cantando as pezas, centos de rapaces e rapazas de case unha vintena de escolas galegas e portuguesas, despedían a festa de entrega dos premios da sétima edición do Certame Imaxes do Patrimonio este venres no Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo.

O propio Paco Nogueiras foi o encargado de conducir este evento da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, celebrado nesta véspera do Día Internacional do Patrimonio. Un evento que puido seguirse tamén en streaming desde a canle de Youtube e a web de PNO!

Esta sétima edición, desenvolvida durante o curso 2023/2024, colleitou case medio milleiro de fotografías peneiradas polas familias participantes, procedentes de ata 40 escolas galegas e portuguesas. Unhas imaxes que se sumarán agora á peneira de máis de 4.000 fotografías vencelladas ao patrimonio inmaterial recollidas nas anteriores edicións do certame, e que están dispoñibles no arquivo virtual do patrimonio inmaterial que vén construíndo PNO!. Durante o evento puideron escoitarse tamén os podcasts premiados, elaborados polo alumnado ao fío das imaxes coas que traballaron nas aulas.

A intensa actividade do “Mes do Patrimonio” impulsado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! este outono terá colofón esta semana en Vigo coa “Ponte de Patrimonio”. Fixado para o sábado 16, no propio Día Internacional do Patrimonio convocado pola UNESCO, o Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo acollerá o espectáculo “Ponte de Patrimonio”, gala do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

Será un evento que integrará diversas expresións do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués: o teatro, a narración oral, a música, o baile e as danzas. Ponte de Patrimonio contará coa actuación da actriz Isabel Risco e do narrador oral Celso F. Sanmartín. Tamén estarán o grupo Ailá, formación compostelá gañadora dos premios Martín Códax da Música 2023 na categoría de Música Tradicional, e o grupo portugués A Chulada da Ponte Velha. A entrada é libre até completar aforo.

As imaxes do patrimonio
Un alambique ambulante por terras de Amandi, a primeira fábrica de gaseosas do concello de Laza
a comezos do século XIX, unha estampa da vendima, un tataravó palangreiro en terras do Barbanza,
un concurso de vestidos de bonecas nos anos 50 do século pasado, dous rapaces apenas adolescentes comezando como aprendices de albanel e ebanista, unha parella moceando na
emigración londiniense dos anos 60, un día na sega do trigo, unha voda multicultural en Río de
Janeiro hai case setenta anos, montando o palco da festa…

Os anteriores son tema dalgunhas das magníficas estampas, con grandes historias que as
acompañan, e que foron premiadas no VII Certame de fotografía “Imaxes do Patrimonio”. Unha
nova viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das
súas familias e a través da iniciativa da Asociación Ponte…nas ondas!

O xurado integrárono Sergio Pereira antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e
antropóloga, Xerardo Feijoo, profesor, e Fran Valcárcel profesor e membro da Asociación Cultural
e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto.

Acceso ás imaxes premiadas: https://escolasnasondas.com/vii-certame-de-fotografia-imaxes-dopatrimonio-as-ganadoras/

VII Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio”. Fallo do Xurado
Reunidos Sergio Pereira, antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga,
Xerardo Feijoo, profesor e Fran Valcárcel, profesor e membro da Asociación Cultural e Pedagóxica
Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto, constitúense como Xurado do 7º
Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio” e

ACORDAN
1º.-Agradecer aos centros de ensino, profesorado e alumnado a súa participación neste 7º Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio” convocado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! co que se pretende, como obxectivo preferente, descubrir ás novas xeracións a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural, para o que propuxemos que á iniciativa dos centros escolares os alumnos e alumnas buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que conteñan elementos dese patrimonio que queremos dar a coñecer. Nas bases e como complemento desta busca solicitabamos que se completara a participación no certame coa inclusión dun texto explicativo da imaxe.

2º.-O Xurado valorou a gran calidade da maioría dos traballos presentados a concurso e o esforzo mostrado na elaboración do texto que acompaña a cada unha das fotografías polo que propón á entidade que convoca o certame que xestione o deseño de actividades que permitan mostrar e difundir as fotografías presentadas, dada a súa calidade e interese, para a súa divulgación e para que sirvan como estímulo e exemplo para outros proxectos educativos similares.

3º.-Logo das correspondentes deliberacións, os membros do Xurado acordan outorgar os seguintes premios nas distintas categorías establecidas polas Bases do Certame,

Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
1º Premio: Xiomara Barja Alonso – 2º EP
CEIP O Castiñeiro (Laza)
Título: Gaseosas

2º Premio: Leire Blanco Fernández 5 EP
CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey (O Pereiro de Aguiar)
Título: Alambique

3º Premio: Inês Cunha Gonçalves – 7º ano
Escola Básica Deu-La-Deu Monçao (Agrupamento de Escolas de Monção)
Título: No átrio da igreja

Accésit: Roi Priego Alonso
CEIP Plurilingüe Seis do Nadal (Vigo)
Título: Na vendima

Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
1º Premio: Ainoa González Cañestro – 2º ESO
IES Número 1 de Ribeira.
Título: Rogelio, meu tataravó palangreiro.

2º Premio : Catarina Marques Pinto – 3º ESO – Ano 9
Escola Secundária Clara de Resende (Porto)
Título: As meninas não são bonecas

3º Premio: Marcos González Pazos – 2º ESO
IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela)
Título: Aprendices

Accésit 1: Iago Rodríguez Edrosa – 1º ESO
IES de Foz (Lugo)
Título: Un día segando o trigo

Accésit 2: Xoán Rivas Seijas – 4º ESO
IES Plurilingüe de Ames
Título: Voda multicultural en 1957

Accésit 3: Irene Álvarez Rodríguez – 2º Bacharelato
IES Plurilingüe de Ames
Título: Como coñecín o voso avó

Accésit 4: Daniela Gómez Pereira – 2º ESO
CPI Virxe da Saleta (Cea)
Título: Maternidade

Certame de Podcast
Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
1º Premio: Alonso Arribas López – 5º EP
CEIP Sequelo de Marín
Título: 1954 Facendo un palco en Cotobade

Accésit 1: Nicolás Fernández García (Educación Infantil)
CEIP Sequelo de Marín
Título: 1953 De romaría na Franqueira

Accésit 2: Matilda Fernández García – 1º EP
CEIP Sequelo de Marín
Título: 1950 Traballadoras da fábrica de conservas Herrero

Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
1º Premio: Antón Carou López – 1º ESO
IES Virxe do Mar (Noia)
Título: Seleccionando berberecho

Accésit 1: Iago Varela
IES do Milladoiro
Título: Coas vacas

Accésit 2: Andrés Iglesias Domeque – 2º Bacharelato
IES Politécnico de Vigo
Título: O avó do mar

Premio Especial do Xurado
O xurado acorda por unanimidade e fóra de todas as categorías conceder tres mencións especiais a tres escolas polo seu traballo xeral do que forman parte as fotografías enviadas:

CEP Carlos Casares.Grixó-Alxén (Salvaterra de Miño)
Esta escola propuxo unha iniciativa que, aínda sen axustarse exactamente ás bases, destaca polo seu valor pedagóxico. Trátase dun proxecto de centro que inclúe unha exposición de obxectos, relacionados co tema do proxecto anual. Neste caso, o tema escollido xira arredor dos xogos tradicionais, baixo o título “Lerias e enredos doutro tempo”, e contou coa colaboración das familias do alumnado que forneceron de moitos obxectos para a elaboración dunha exposición. O proxecto estrutúrase en diversas categorías de interese: xogos de mesa, educativos, bonecos, tradicionais e electrónicos entre outros.

IES de Ponte Caldelas
Alén das imaxes enviadas ao certame convencional, envían o texto e o traballo plástico realizado que forma parte do “Proxecto Comunidade” deste curso: “Participaron os departamentos de Plástica, Tecnoloxía, Xeografía e Historia e Lingua Galega. Realizaron traballos de investigación a través de entrevistas entre familias e veciños para posteriormente realizar traballo creativo en plástica e dixitalización. Pod-cast, imaxes, vídeos, PDF, todo este traballo deste curso está recollido na web que os representa”.

IES Politécnico (Vigo)
O IES Politécnico de Vigo impulsou, coordinou e organizou o proxecto Á luz da Candeira, co obxectivo primordial de traballar co alumnado os valores relacionados coa conciencia de coñecemento, recollida e posta en valor do noso patrimonio cultural inmaterial. Desta maneira, este proxecto centrouse especialmente nos ámbitos da tradición oral e a fotografía antiga; pois, por unha banda, parte do alumnado participou nun proceso de recollida, transcrición e difusión dun repertorio de tradicións orais transmitidas polas súas familias e, por outra banda, outra parte do alumnado realizou unha recolla de fotografías antigas na súa contorna máis próxima. Finalmente, co material recibido creouse a web na que actualmente se pode acceder.

Aquí poden verse todas as fotos gañadoras desta VII Edición:
https://escolasnasondas.com/vii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/

Edicións anteriores
Aquí as gañadoras da I, II e III, IV, V e VI edición (tamén o acceso ao arquivo completo das imaxes participantes nas edicións anteriores)
http://pontenasondas.org/vi-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/v-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/iv-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/iii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/ii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-aqui-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/i-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-xa-temos-ganadoras/

Traballando co patrimonio inmaterial nas aulas
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, con longa traxectoria de case 30 anos na
promoción e posta en valor do patrimonio inmaterial, fai balance así dunha iniciativa que parte da
idea de que o Patrimonio Cultural Inmaterial é un conxunto inmenso de expresións culturais e de
tradicións herdadas do pasado que as persoas preservan e se encargan de transmitir ás xeracións
futuras.

Desde comezos do século XX ese conxunto de expresións herdadas do pasado e
transmitidas de forma oral encontraron na fotografía un valioso rexistro documental.

Co obxectivo prioritario de axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dese rico e
variado Patrimonio Cultural Común, propúxoselles que buscaran, coa axuda dos docentes e na
compaña de seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na
procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron
e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa
memoria colectiva.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.