Ourense | Manuel Baltar, presidente da Deputación, afirmou que o prestixioso chef Martín Berasategui “é desde hoxe o mellor embaixador da gran despensa e dos grandes restauradores que temos en Ourense, o que nos brindará a mellor oportunidade para seguir proclamando as bondades dos nosos produtos e da nosa gastronomía”.
Na súa visita á provincia, o chef vasco, xunto ao presidente provincial, tivo ocasión de percorrer un tramo da Vía da Prata e visitou a Ribeira Sacra: coñeceu San Pedro de Rocas e fixo un roteiro en catamarán, onde se reuniu con viticultores das catro denominacións de orixe da provincia de Ourense e presidentes de Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Galicia como o Pan de Cea, a Castaña de Galicia, Pataca de Galicia e o Pemento de Oímbra.
Manuel Baltar valorou satisfactoriamente estes “dous días intensos co mellor cociñeiro do mundo durante a súa visita a Ourense, como exemplo de boa gastronomía, e aproveitando a súa estancia entre nós para reunirse con destacados membros da restauración ourensá, coñecendo ademais dúas magníficas postais de Ourense: o Camiño Mozárabe e a Ribeira Sacra”.
“Ourense quedará nunha parte do meu corazón toda a vida”, recoñeceu Martín Berasategui, quen asegurou que “levarei a Ou dun territorio inigualable e cunha cociña marabillosa, gozando da gastronomía, das xentes e dun bo clima, onde unha parte importante dos aplausos que recibo llos debo a esta terra que me fai sentir o cociñeiro máis querido”.
Berasategui eloxiou o “inconformismo” dos restauradores ourensáns, “cun presente e un futuro impresionantes grazas á paixón que senten pola arte da gastronomía”. Pero, ademais, grazas tamén aos “sensacionais produtos de calidade” da provincia e do resto de Galicia: “Este é o templo da mellor materia prima do mundo”. Facer un tramo do Camiño e coñecer a Ribeira Sacra, asegurou, “ademais de axudar a promocionar a gastronomía, axuda a cargar as pilas para seguir facendo o que máis me gusta: poñer en valor e vestir de gala os grandísimos produtos que ten o meu país”.
Maridaxe
Nunha “maridaxe entre cociña, camiño e paisaxe”, o chef vasco iniciou a xornada percorrendo un tramo do Camiño de Santiago que discorre por Seixalbo acompañado por Manuel Baltar, a xerente do Inorde, Emma González, e o vicepresidente da Asociación Cultural Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Prata, José Antonio Quintas.
Con posterioridade trasladouse á Ribeira Sacra, onde disfrutou dun roteiro en catamarán para manter un encontro co presidente da IXP Pan de Cea, Carlos Manuel Rodríguez; o presidente da IXP Castaña de Galicia, Jesús Quintá; a presidenta da IXP Pemento de Oímbra, Milagros Prada e un directivo da IXP Pataca de Galicia. No acto tamén estiveron, seleccionadas polas súas boas prácticas no marco do proxecto Agriconect, representantes das adegas Adega Cachín (Ribeira Sacra), Celme (O Ribeiro), Gargalo (Monterrei) e Cooperativa Virxe das Viñas da Rúa (Valdeorras).
César Enríquez “Cachín” agradeceu a presenza de Martín Berasategui como “un gran embaixador dos viños da Ribeira Sacra que xa coñece”, aínda que destacou que grazas a esta visita agora tiña a oportunidade de comprobar o esforzo que realizan para elaborar os seus produtos: “En cada vaso de viño hai unha pinga de suor de cada viticultor da Ribeira Sacra”.