Ponteareas | O CIFP A Granxa de Ponteareas acolleu, entre o 4 e o 7 de maio as xornadas do V Congreso Nacional de Escolas Profesionais de Viticultura e Enoloxía, o que supón un recoñecemento á importancia que ten o centro de ensino ponteareán no contexto do Estado.
O Congreso, que se celebra cada dous anos, reuniu a profesorado das diferentes escolas que imparten Ciclos Formativos de Vitivinicultura e Elaboración de Aceite de oliva e Viños, pertencentes ás comunidades autónomas con maior relevancia no sector, como son Andalucía, Canarias, Castilla-La Mancha, Castilla-León, Estremadura, Catalunya, Madrid, Murcia, Rioxa e Galicia.
Ao longo das xornadas de traballo do Congreso debatéronse temas relacionados coa inserción laboral do alumnado titulado; as diferentes modalidades nas que se poden cursar os estudios de Formación Profesional, con especial atención á Formación Dual; a unificación de criterios coa formación nos demais países europeos; a creación da Rede Europea de Escolas Profesionais de Enoloxía, ademais de outros asuntos relacionados co desenvolvemento curricular dos Ciclos Formativos.
Ademais dos aspectos puramente técnicos tratados no congreso, o evento serviu para dar a coñecer a zona produtiva de Rias Baixas, en especial a comarca do Condado.
A inauguración do Congreso, correu a cargo de Consuelo Rivera, directora do Centro de Formación e Recursos de Vigo; Cristina Fernández, concelleira de Ensino do concello de Ponteareas e María Jesús Pena, directora do CIFP ‘A Granxa’.
A edil de Ensino destacou “a importancia de ter organizado este Congreso Nacional nun centro punteiro neste sector a nivel galego como é o CIFP A Granxa, a fin de poñer en valor os recursos naturais e económicos que temos en Ponteareas e a nosa Comarca”.