O Covelo | O Concello de Covelo participa no proxecto “José Gil. Pontevedra provincia de cinema, na orixe do cinema”, que levará este ano por toda a provincia exposicións, charlas, proxeccións e música.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, participou onte na presentación do proxecto na rúa Príncipe de Vigo a poucos metros de distancia de onde José Gil montou no ano 1910 a primeira produtora de cinema da historia de Galicia. Financiado pola Deputación, en colaboración con Vía Láctea Films, Cine na Rúa e Editorial Galaxia busca ao longo deste 2023 recoñecer e reivindicar a este visionario e pioneiro, que cimentou as bases do audiovisual galego e que vivíu na nosa parroquia da Lamosa.
“Recuperar a historia das persoas que viviron na nosa vila e que deixaron unha pegada especial na cultura galega e na do noso concello é fundamental para que toda a cidadanía poida desfrutar da riqueza e do patrimonio cultural e artístico e nos deixaron persoas como José Gil que viviron na nosa terra”, explica Pablo Castillo.
José Gil levaba o cine a todos os recunchos de Galicia, un Cinemóbil, que será a peza central coa que este proxecto chegará a 30 concellos cos que este cineasta tivo relación durante a súa vida.
José Gil (As Neves, 1870-Vigo, 1937), realizou máis de 150 filmes documentais entre 1910 e 1935 no sur de Galicia e a pesar de ser “o pai do cinema galego”, segue a ser unha figura descoñecida e case nada queda da súa obra (só se conservan 7 películas). Desde a música que formou parte da súa vida, interpretada en directo por un dúo, ata o citado Cinemóbil baseado no seu “automotor de cine”.
Deste xeito, o proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutinará presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades moi vencelladas ao territorio entre febreiro e decembro. Manuel González é o autor do libro biográfico sobre o pioneiro do cinema, editado por Galaxia, que se presentará ao longo do ano no marco deste proxecto
Programación
A programación de “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” comezará nas Neves (24-25 de febreiro) e rematará en decembro (1-3) en Ponteareas e percorrerá amais os concellos de Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo (en outubro), Covelo, Moaña, Salvaterra, Marín e Vilagarcía.
En cada un destes concellos José Gil ocupará o espazo público durante unha fin de semana, chegando á veciñanza con actividades para todos os públicos como o Cinemóbil, que conterá os 16 paneis explicativos sobre o cineasta, que abordan a súa biografía e traxectoria na fotografía. Amais, están previstos encontros coa comunidade educativa de cada lugar, así como a exhibición e presentación de documentais, curtas e montaxes arredor deste pioneiro e a presentación do libro de Manuel González “Nos días encantados de agosto”.
A programación incluirá así mesmo sesións vermut, con música en directo, nas que as bandas de música de cada concello interpretarán un programa composto por músicas relacionadas coa vida de Xosé Gil, e proxeccións audiovisuais sobre as obras conservadas de Gil, un documental de 55 minutos de Miguel A. Romero sobre o cineasta e unha curta cómica de Harold Lloyd proxectada por José Gil nos seus cinemas.
Igualmente, estará dispoñible un espazo web con toda a información sobre o cineasta e o proxecto para divulgar a súa figura.