Mondariz | O Concello de Mondariz recibe este venres, 31 de marzo, o Cinemóbil 3 do proxecto “José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema”, que inclúe un intenso programa de actividades para visibilizar o legado deste pioneiro do cinema galego entre o alumnado do CPI de Mondariz (venres 31) e o público en xeral (sábado 1).
Malia non nacer en Mondariz, a traxectoria persoal e profesional de José Gil (1870-1937) estivo intimamente relacionada coa vila. Tras saír do seu Rubiós natal, no concello das Neves, Gil trasladouse a Mondariz. Alí descubriu o mundo e se interesou xa de xeito irremediable pola fotografía na contorna do Balneario, entre 1888 e 1899.
En Mondariz instalou a súa primeira galería fotográfica, chamada “La afición artística”, marca coa que iniciou o seu camiño na fotografía profesional e que resultou reveladora da perspectiva dende a que José Gil sempre quixo ollar esta noble arte: tecnoloxía e mirada sensible ligadas para soster e depurar o traballo artístico, sen perder de vista a ambición de darse a coñecer con reclamos comerciais, dende a propia e orixinal denominación do negocio. Non pasou desapercibida esa galería no Mondariz de principio de século. E tampouco foi un chanzo máis no percorrido profesional de Gil, senón que a súa importancia queda patente na biografía de Manolo González “Nos días encantados de agosto”, publicada pola Editorial Galaxia.
O proxecto está promovido pola produtora Vía Láctea Filmes en colaboración con Cine na Rúa e Editorial Galaxia e conta co apoio da Deputación de Pontevedra e do propio Concello de Mondariz, como entidade local participante.
O obxectivo é amosar á veciñanza e á comunidade educativa da vila o legado do grande precursor do cinema galego, inxustamente olvidado a pesar de ter colaborado dende este recuncho do mundo a tecer os fíos que farían medrar o cinema coma a grande arte do século XX. O proxecto recala este fin de semana en Mondariz con proxeccións, presentacións, coloquios e música arredor de José Gil e o seu traballo.
Tamén chegará o Cinemóbil 3, un museo itinerante que serve de grande reclamo do pioneiro 100 anos despois de que o seu labor comezase o camiño do esquecemento. E en Mondariz, terra de música e de músicos, celebraremos unha sesión vermú na que a Banda de Música Cultural de Mondariz interpretará temas que levan a un tempo, un chanzo da nosa historia e un persoeiro clave na arte audiovisual, no cinema e na historia de Galicia.