O CIPC Taboexa das Neves presenta máis de 300 alegacións contra o parque eólico Coto dos Lobos

Puxo a súa sede a disposición da veciñanza para levar a cabo esta iniciativa

As Neves | A Comunidade de Montes de Taboexa puxo a disposición dos veciños e veciñas o seu Centro de Interpretación do Patrimonio e Cultural para facilitar a presentación das alegacións ante a Xunta de Galicia ofrecendo modelos de alegación e de autorización e tramitando a presentación directamente na sede electrónica.

Oscar González, Presidente da Comunidade, explica que se creou este sistema a disposición de calquera que quixera mostrar a súa oposición a este parque: “A nosa posición é clara. Non ao impacto visual e paisaxístico, non ao impacto sonoro pola escasa distancia a poboación, non aos danos irreparables nas traídas de augas, non a perda de terras das comunidades de montes, non ao impacto cultural. Non a esté parque eólico no monte San Nomedio é a posición que compartimos coas outras comunidades de montes e tamén traídas de augas”.

Persoas voluntarias recolleron alegacións de familiares e veciños e outras ofrecéronse para axudar na tramitación ata o pasado día 20 que rematou o prazo.

Chegaron a estar catro persoas a un tempo tramitando as alegacións na sede electrónica da Xunta de Galicia ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o departamento territorial da Consellería en Pontevedra.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.